Grandes voces do noso mundo é un programa de Radio Burela, dirixido e presentado por Marco Pereira coa colaboración de Silvera Vicente
de Oliveira. Estamos en antena todos os venres de 7 a 8 da tarde. Tanto na emisión ao vivo como nas da radio á carta, pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo.
Pontevedra acolle o sábado 14 de xaneiro, no Pazo da Cultura, unha nova edición do festival Cantos na Maré. Tres días antes comezarán as actividades paralelas na mesma cidade e en Compostela. Grandes Voces do Noso Mundo tivo a sorte de ter en primicia a voz de Vítor Belho para adiantar o que será unha nova xuntanza de música da Galiza e dos irmáns de Portugal, de Brasil, de Mozambique, de Cabo Verde, etc.
Vítor Belho é o responsable tamén de que en Compostela haxa un lugar como a Casa das Crechas, no que soara a música de Berrogüeto, de António Zambujo, de Kepa Junkera, de Uxía e de moitos outros ao longo dos trinta anos nos que tivo as portas abertas.
Non só falamos diso con el, senón que entre moitos outros aspectos da súa contribución á cultura galega, achegámonos tamén a Nordesía, a produtora que achega e leva a música ao noso (e do noso) país.
Deixámosvos co trixésimo sétimo programa do Grandes Voces!
"En tempos de dificultade xorde a imaxinación, e a música é un vehículo tremendo para transmitir", di Andrés Fernández cara o peche desta edición de Grandes Voces do Noso Mundo, este noso programa que tenta transmitir cada semana a boa saúde da que goza a música galega.
Andrés do Carballiño medrou escoitando os vinilos e cintas de cassette daquel movemento Voces Ceibes, e agora súmase a esas vellas reivindicacións ás que hai que sacar po, para mesturar temas seus, con cancións de Fuxan os Ventos, Suso Baamonde, poemas musicados por el como os de Victor Campio...
Houbo tempo tamén para recordar neste programa o ano Manuel María, porque hoxe no Carballiño celébrase o festival organizado pola asociación cultural Avantar, no que poñerán o peche a este ano dedicado ao poeta e no que se atoparán artistas como Xosé Constenla, Anxo Blas, o Leo Arremacághona, e entre outros máis, o noso Andrés Fernández...
Falamos de moito máis, pero tedes que descubrilo vós! Deixámosvos con gusto esta nova edición do Grandes Voces:
"Que é o Canta o cuco?" Pois Canta o cuco é un libro-cd que editou Galaxia a finais de
2015... E claro, este 2016 foi o ano no que as Letras Galegas se lle adicaron a Manuel María. E este libro recolle os seus poemas con música preparada por Magín Blanco e Uxía Senlle en terras.
Neste trixésimo quinto programa escoitamos a Magín Blanco falar do espectáculo que prepararon arredor desta obra, do público (cada vez máis pequeno) que se achega ás presentacións de libros para os meniños, da súa obra Gatuxo...
Uns minutos cheos de dozura e de alma burelá, porque Magín ten tamén unha boa relación co noso pobo e con Batuko Tabanka, agrupación ben, ben vinculada á nosa Silvera...
"Pedagoxía musical", dixo Silvera, ao comezar o Deixe Falar desta semana no Grandes Voces do Noso Mundo. Xosé Manuel Durán, Seso Durán, foi o protagonista da entrevista realizada por Marco. Mestre de música dende hai 15 anos, chegou á docencia sen saber que pouco despois "namoraría" do trato cos rapaces. Agora desenvolve a súa vida profesional no IES As Barxas de Moaña.
Conversamos con el da convivencia profesor-adolescentes, da súa dedicación á música, da formación académica que tivo, das vantaxes da tecnoloxía, do "aprender facendo"... En definitiva, de vida, música e aprendizaxe.
E para apoiar o seu obxectivo, que "o ambiente da clase e as actividades faciliten a aparición de emocións positivas", levan adiante o blogue Música en secundaria, unha web perfecta para completar o que aprendemos no Grandes Voces!
Guadi Galego é a protagonista do Deixe Falar desta semana. Coas preguntas de Marco e Silvera achegámonos a esta artista nada en Cedeira. Di que quedou a cabalo entre o rural e a cidade, e que dende que estaba nesa vila, sempre se mantivo vinculada a diferentes grupos... No 2007 foi o grande salto con Berrogüetto e agora, "O mundo está parado", o seu novo disco, é a súa metáfora persoal do mundo actual. Quedamos coa súa fermosa música para pararnos a pensar cada día máis na nosa estrepitosa vida, e quedamos coas súas palabras, que tanto nos transmitiron, para aprender moito máis sobre esta grande voz do noso mundo...
"Lá no fundo da miña alma viaxeira tiña un lugar para ti", cantaba Narf. As nosas almas agora seguen a andaina polo mundo da música sempre cun oco para este grande artista, co que comezou esta nova entrega de Grandes Voces do Noso Mundo.
E vagando polas nosas terras, marchamos a Lisboa, onde nos agardaba Fred Martins, un artista galego-luso-brasileiro, nada menos! Dende Niterói, comezou a desfrutar da música pola radio, e logo dos 12 anos, comezou a namorar "pra sempre", di, deste mundo tan fermoso.
Conversamos da súa formación, do seu descubrimento da Galiza, do seu primeiro disco, e de milleiros de sorpresas máis. Todo isto, como non, da man dos nosos estimados Marco e Silvera!
"Estou entre un Oliveira e unha Oliveira", dice Karina ao comezar este trixésimo primeiro programa. Silvera Vicente de Oliveira acompañou desta vez a singladura pola nosa música, aportando máis multiculturalidade, se cabe, ao programa. Isto por que? Porque Silvera naceu na illa de Santiago, en Cabo Verde, aínda que tivemos a sorte de que chegara, xa hai un tempo, a vivir á nosa Burela.
Coa versión de Xoan Eiriz e a canción titulada "Aleluia" recordamos a figura de Leonard Cohen, ao que despedimos neste día... Mais con Josefa Fernández, de Lulavai, volvemos recuperar o sorriso. Con ela achegámonos á viveza de catro mulleres que se xuntaron no ano 2008 para formar un precioso cuarteto de arpas.
Josefa Fernández explicounos o significado do nome do grupo, a súa relación con Sondeseu, como conseguir a súa música, como levan a cabo as composicións, e moito máis, sen esquecer tampouco as referencias ás súas outras compañeiras: Lorena Reinaldo, Paula Oanes e Elena Paz.
"Os amigos dos músicos" é unha banda formada por amigos, di Arcadio Nóvoa, o guitarrista, case rindo. Marco e Karina falaron esta semana con el para coñecer máis sobre ese novo proxecto e para preguntarlle sobre o disco que acaban de gravar.
Jaime Mateo, Raúl Diz, Daniel Alonso "neno Elliott", Druso Pedrouzo e Álvaro Rivera compoñen esa formación. Como representante de todos eles, Arcadio falounos da súa música, das súas cancións, das súas influencias, das súas colaboracións, etc., e como non, doutras grandes voces do noso mundo.
Imaxe da entrevista a Sara Gil no programa de Marco Pereira
Bernardo Penabade
"O programa nº 29 coincide no día 28 de outubro, o do meu aniversario. A ver que sorpresa me preparades". Así nos dixo Marco e nós pensamos en falar con Sara Gil, que nos deu todas as facilidades.
Chegado o día e feitas as presentacións, Marco e Karina puxeron a andar o programa dos afectos: primeiro en contacto con Conceição Oliveira, despois co "Deixe Falar"; e, máis tarde, na conversa con Cristina Ramudo, a pedagoga terapeuta que lle abriu a Marco as portas do mundo e que aínda se ocupa de llas axudar a franquear día a día.
A través do voluntariado universitario, Sara Gil traballou -como colaboradora- no Womex, a feira das músicas do mundo celebrada en Santiago de Compostela durante a segunda semana de outubro de 2016. Apoiándose no testemuño da convidada, o director do programa quixo facer crónica do evento e conseguiuno. En pouco máis de dez minutos, coñecemos o elenco de artistas que pasaron por esta edición celebrada na capital galega; e recollemos as impresións da colaboradora tanto no referido ao ambiente das exposicións como con respecto á calidade dos concertos.
Como é habitual, a entrevistada fixo media ducia de recomendacións de grandes voces do noso mundo. Foi o momento de falar, entre outros solistas e grupos, da fadista Gisela João e da brasileira Anelis Assumpção.
A cantora brasileira Socorro Lira está de xira por Europa. Estivo en Bélxica e en Francia. Mañá estará tamén en Compostela, antes de pasar para Lisboa e Évora.
Socorro é unha das grandes voces da música brasileira e chega a Galiza para compartir co público galego o seu traballo musical.
Os seus compromisos político e social fixérona merecedora do "Prêmio Europa 98", e a súa humanidade mostrouse ben patente na conversa con Marco e Karina, onde falaron desta actuación, na que presenta "Amazônia", e tamén da especial compañía que terá sobre o escenario.
Carlos Blanco, Uxía Senlle, Socorro Lira e Sérgio Tannus
A cantora brasileira Kátya Teixeira estivo de xira pola nosa terra. Ademais de actuar en Compostela, estivo tamén na Illa de Arousa e na Arca de Noa en Vilar de Santos.
Kátya Teixiera, cantora, instrumentista e compositora, é unha das grandes voces femininas da música brasileira, e chegou a Galiza despois de pasar por Portugal, para compartir co público galego o seu traballo musical.
Alén de comentar con Marco e Karina a súa traxectoria musical, a artista brasileira mostrouse feliz por chegar por vez primeira á nosa terra, onde estivo acompañada por Uxía Senlle.
No
programa número 17, conversamos con Paco Bandeira, nacido en Elvas
en 1945. O noso convidado -compositor e intérprete musical- editou
máis de trinta discos nos seus trinta e cinco anos de carreira
musical. Marco e Helena interesáronse polos seus inicios na música
e Paco Bandeira evocou a axuda que recibiu dun veciño cego. Logo de
repasaren xuntos grande parte do seu currículo, a conversa centrouse
na etapa das trillas sonoras para series televisivas. Paco Bandeira
tamén manifestou a súa admiración pola música da nosa terra e o
seu desexo de poder actuar en terra galega, unha experiencia que
aínda non tivo. Finalmente, recomendounos as músicas do Zé Mário
Branco, do Samuel, do Zeca, do Fausto, e da grandísima Cesárea
Évora.
Entrevista na Revista da TVG sobre pograma de radio 'Grandes voces do noso mundo' cos seus presentadores e a vicedirectora do IES Perdouro de Burela.
Así comezou o espazo informativo:
"Estamos a venres, así que esta tarde, xa cara ao serán, temos unha cita coas 'Grandes voces do noso mundo'. Pode que non lles soe a algúns de vostedes, pero na Mariña de Lugo seguro que saben de que estou falando. Trátase dun programa de radio que xa se converteu en imprescindible para moitos oíntes. E hoxe nós temos aquí dúas desas grandes voces, Marco Pereira e Helena Valle, director e presentadores; xunto con Karina Parga, que é vicedirectora do IES Perdouro de Burela."
No
programa número 14, tivemos a oportunidade de poder conversar e
escoitar a Silvia Cerneira, cantante da Banda da Balbina. Grazas a
ela, descubrimos a orixe do nome desta banda. Ademais, Silvia
explicounos os seus comezos e os seus compoñentes. Marco
preguntoulle tamén sobre os concursos gañados -como o Martín
Códax-, os traballos e proxectos, e as próximas actuacións.
Marco Pereira Oliveira, Helena Valle García e Cristina Ramudo foron entrevistados polo Susana L. Montes, xornalista do Progreso sobre o seu programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo que se emite todos os venres de 19h a 20h en Radio Burela.
Aquí tedes o resultado desta magnifica entrevista:
A vida de Marco Pereira Oliveira, un mozo de 22 anos cego de
nacemento, non foi un camiño de rosas, aínda que na actualidade atravesa
quizais polo seu mellor momento e non dubida en confesar que é feliz.
Os seus novos amigos e os seus proxectos de futuro, que pasan por
estudar Xornalismo, ten boa culpa do seu bo estado de ánimo, ao que sen
dúbida contribúe o éxito do programa Grandes voces do noso mundo, que cada venres presenta en Radio Burela xunto á súa compañeira do IES Perdouro Helena Valle.
A
paixón pola radio vénlle de neno. "Sempre me acompañou, porque é un
medio moi descritivo", explica, mentres rememora que os seus primeiros
primeiros pasos foron no instituto de Xove, localidade na que reside,
"gravabamos no recreo, porque non podiamos emitir en directo", di.
Un intento que se tornou en realidade cando puido facer o seu propio programa en Radio Valadouro, Grandes voces.
"Adicábamos cada programa a un músico ou un grupo", recorda o mozo, que
puido repetir experiencia este ano na emisora burelense, da man de
Matías Nicieza co que traballou no Valadouro, onde a radio xa non
emite.
O programa actual busca promocionar a artistas de raíces
galegas e, ademais de dar a coñecer a súa música, fan unha entrevista en
directo con algún cantante que, á súa vez, recomenda a outro artista, o
que lles permitiu importantes descubrimentos.
Marco manéxase á perfección co WhatsApp e en redes sociais
Os guións elabóraos Marco, que conta coa incondicional axuda de
Cristina Ramudo, a súa profesora de Pedagoxía Terapéutica desde que
empezou secundaria e que se converteu "nos meus ollos" durante a última
década, como lle gusta dicir a Marco. A docente encárgase de pasar a
braillie os guións, do mesmo xeito que fai cos apuntamentos de clase, e o
primeiro que chama a atención son a cantidade de follas que ocupa na
linguaxe deseñada para persoas cegas. "Por dúas follas que teño eu,
Marco igual ten dez", conta Helena Val, que participa con el nos
programas desde a súa primeira emisión, o 22 de xaneiro.
Un
primeiro directo que foi un "bonito desastre", recordan entre risas,
pois aínda que ambos tiñan experiencia –Helena ten outro programa na
mesma emisora– coordinarse non foi fácil, porque a lectura en braillie é
máis lenta. "Tocáballe non brazo para avisalo de que tiña que falar e
axudábaoo se sw perdía co guion", recorda Helena, que é un auténtico
bulebule de actividade e converteuse na compañeira perfecta para Marco,
moito máis tranquilo.
Os nervios, logo de catorce programas
celebrados o pasado venres, permitiron unha perfecta sincronización, que
se dá tamén fora do estudo e Helena converteuse nunha das mellores
amigas de Marco.
NON SEN O SEU MÓVIL. A moza
recorda que ao principio pensaba todo o que lle dicía, por medo a
incomodalo, "pero un día atrevinme a preguntarlle" e logo dese primeiro
por que viñeron moitos outros, que consolidaron a súa amizade. "Non hai
nada dA miña vida que Helena non saiba", afirma o raparigo, quen se
manexa á perfección coas redes sociais e ten unha impresionante soltura
co WhatsApp.
Marco non esconde que tivo unha infancia "dura",
ao non lograr integrarse co resto de nenos e quedar fóra dos seus xogos.
"Gustáballes o fútbol e a Playstation, así que imaxínate", di.
Marco: "os libros, aínda que os haxa en braille, non
pagan a pena, porque aparte do custo poden chegar a ser 18 volumes dunha
soa materia"
Unha soidade á que se viu forzado polo feito ademais de que se negaba
a aceptar a súa enfermidade e soñaba con que un día podería ver. Non
foi ata a adolescencia, como recorda Ramudo, en que foi plenamente
consciente e iso foi un punto de inflexión para mellor, aínda que aínda
se atopa coa intransixencia de moitos. "Hai xente que me di por que non
poño lentes e iso é só porque lles molesta verme", conta, ao que Cris
Ramudo replica de inmediato que "hai xente que ve, pero que é cega".
Tras
acabar o Bacharelato, que cursou en San Cibrao, matriculouse este curso
no Ciclo Superior de Administración e Finanza no instituto burelense,
uns estudos que "creo poden abrirme as portas para ou mundo laboral",
aínda que o seu soño pasa por ser xornalista, unha carreira que xa está a
cursar un amigo en Santiago e que lle mantén ao día. "Xa lle digo que
me garde os apuntes para que Cris os vaia pasando a braille porque
vaille levar un mundo", di nunha chiscadela á súa profe, consciente do
esforzo que supón para ela pasarlle os textos de clase. "Os libros,
aínda que os haxa en braille, non pagan a pena, porque aparte do custo
poden chegar a ser 18 volumes dunha soa materia", recorda.
Ademais
dos apuntamentos, os exames adáptanse á súa discapacidade. "A verdade é
que estou moi orgulloso de todos", asevera Marco, a quen a única pega
que pon ao centro é a súa accesibilidade, que lle obriga a ter que usar o
bastón, "a miña arma" a miúdo.
No Perdouro tamén están
encantados co entusiasmo de Marco, quen é incluso un revulsivo para
outros alumnos, que se contaxiaron do seu esforzo para aplicarse nos
seus estudos. "É algo bidireccional", comentan desde o centro, onde
están implicados un gran número de profesores e alumnos. Entre estes
últimos está Mónica Palacios, que se encarga do blogue do programa de
radio, unha actividade que se enmarca dentro do Programa Burela que se
desenvolve desde o centro para fomentar o uso do galego en todas as
facetas da vida.
O
pasado venres, no programa número 13, Marco e Elena estiveron en
conversa con Federico Mosquera, un pianista que forma parte do grupo
Gelría xunto con Elena Tarrat e Mario Cortizo. Así, este grande
artista conversou connosco e presentounos o seu último disco,
titulado “Cantos de poeta”. Escoitando a Federico tivemos a
oportunidade de coñecer as orixes de Gelría e como xurdiu a idea
deste último proxecto, no que tamén ten un importante papel a
literatura.
No
programa número 12 entrevistamos unha das grandes da música galega
contemporánea: Uxía Senlle, nacida en Mos e coa súa profesión
centrada na música e no xornalismo especializado. Na súa
presentación, Elena Valle destacou o seu compromiso reivindicativo e
salientou o momento en que Uxía Senlle asumiu a portavocía de Nunca
Máis, en defensa do noso medio mariño.
Xa
en conversa con Marco Pereira, soubemos máis sobre Uxía. Por
exemplo, a súa experiencia ao ser gañadora do Certame da Canción
de Bergantiños e respecto á súa participación no Grupo Na Lúa.
A continuación, Uxía falounos das súas actuacións en solitario,
nas cales se atopa inmersa actualmente.
O
pasado martes, día 12 de abril, presenciamos o acto de presentación
do noso programa na biblioteca do IES Perdouro, ás 11:30. Así,
todos os que formamos parte deste grande proxecto puidemos amosalo e
expoñelo. Demos a coñecer a existencia do programa, ademais da do
blogue, explicando os contidos de ambos: as entrevistas coas persoas
relacionadas coa música do noso mundo, os distintos estilos musicais
que aparecen no programa, os diferentes apartados que compoñen o
blogue...
Marco
Pereira e Elena Valle foron felicitados polo seu traballo, e persoas
como Cristina Ramundo, quen lle axuda a Marco creando os guións en
braille, déronlle o seu apoio a Marco, ademais de adicarlle fermosas
palabras. Tamén deron o seu apoio e participaron neste acto persoas
como Dolores Otero, Karina Parga, Belén López e María Jesús
Permuy.
Na biblioteca do Instituto Perdouro celebramos o acto de presentación do Programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo, de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle García, ambos alumnos do IES Perdouro de Burela.
En antena desde o 22 de xaneiro de 2016 en Radio Burela, o programa musical dedicado ás grandes voces da música cantada nos países de raíz galega chegará nesta semana a completar a súa primeira ducia de emisións. Ademais da selección musical, o programa emitido os venres entre as 7 e as 8 da tarde ten unha sección dedicada á conversa sobre a música. Na primeira das emisións o entrevistado foi o profesor Manolo Maseda Deán, acordeonista e voz dos Diplomáticos de Monte Alto, impulsor da Festa da Marosa e actualmente director do instituto de Baio. Nos seguintes programas, participaron en vivo e en directo grandes artistas como Miro Casavella, María do Ceo ou Xurxo Souto.
En cada unha das emisións, Marco Pereirra de Oliveira, alumno de Ciclo Superior de Administración e Finanza do centro burelao, está acompañado nos estudios de Radio Burela por Helena Valle García, alumna de bacharelato, que lle axuda no manexo do guión escrito en braille e que o acompaña na locución. Moi pendente da emisión está tamén Mónica Palacios Ferreira, que se ocupa todas as semanas de manter informada a audiencia a través do blogue Grandes Voces do noso Mundo que ela mesma deseñou.
Este programa musical dirixido polo mozo invidente ten xa unha audiencia moi fiel, distribuída por moitos lugares do mundo (Portugal, Cabo Verde, Francia, Reino Unido, Estados Unidos, etc.), e está apoiado por diversos docentes que traballaron con Marco no colexio Pedro Caselles e no Instituto Illa de Sarón, de Xove; no IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; e na propia ONCE.
Ademais de por Helena Valle e Mónica Palacios, Marco Pereira estivo acompañado por Karina Parga, Vicedirectora do centro; María Jesús Permuy, profesora orientadora; Dolores Otero, profesora de Música; Belén López, coordinadora da área de innovación educativa; e por Cristina Ramudo, a profesora de Pedagoxía Terapéutica a quen el chama "os meus ollos" (porque ela se ocupa diariamente de transformar os materiais docentes para o sistema braille e ao mesmo tempo orienta o estudo do mozo cego).
Albano
Gonçalves foi o protagonista do programa número 11. Marco e Elena
plantexáronlle diversas cuestións, e así descubrimos que se trata
dun músico invidente nacido en Portugal, ao igual que Marco. Albano
estudou en Lisboa e alí comezou a formarse no ámbito musical,
aprendendo a tocar o órgano e o acordeón no colexio e de oído,
superando as dificultades. Máis posteriormente iniciouse no canto.
Con
Albano Gonçalves soubemos o que era un “rancho”, termo
portugués: trátase dunha agrupación centrada na música
tradicional folclórica, composto entre trinta e sesenta persoas, e
explicou os diferentes papeis que os artistas fan dentro destas
agrupacións: danza, instrumentos de corda, canto... Albano cóntanos
tamén que el mesmo forma parte de dous “ranchos” distintos, e
menciona finalmente os encontros musicais que se fan a nivel europeo
neste ámbito.
Nesta
décima edición do programa, Marco e Elena puideron conversar con
Esmeralda López Castro sobre diversos temas como a súa colaboración
con varios festivais e artistas, fálandonos de Uxía e dos
Festicultores entre outros, e tamén de como se sente ao coñecer de
primeira man a evolución dos artistas.
Esmeralda
cóntanos que leva tres anos participando no festival Cantos da Maré,
sendo este unha importante referencia para o noso programa, e
facéndonos partícipe da súa experiencia desde dentro do propio
evento. Finalmente, tamén fai referencia á súa profesión, dentro
da xestión da comunicación.
Marco Pereira Oliveira(Xove, 1993) combina a amplicación de estudos de Administración e Finanzas coa dedicación á radiofonía. Desde que realizase en 2012 un primeiro programa escolar, baixo a orientación da profesora María José Pardiñas, pasou a colaborar primeiro con Radio Valadouro e despois con Radio Burela, da man de Pepe Peinó e Matías Nicieza.
Silvera Vicente de Oliveira (Ribeira da Barca -Illa de Santiago-, Cabo Verde, 1998) vive en Burela desde o ano 2006. Estudante de bacharelato no Instituto Perdouro, combina a formación académica o exercicio do voluntariado. Desde setembro de 2016 colabora con Marco Pereira en tarefas de produción e locución.
Sara Gil Cordido (Burela, 1996) estuda xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén realiza voluntariado cultural en distintas actividades da cidade. Dentro do equipo de Grandes Voces do Noso Mundo encárgase de actualizar o blogue.
Cristina Ramudo Couto (Foz, 1978) é mestra de Pedagoxía Terapéutica e traballa coa Deficiencia Visual dende o ano 2006. Participou como relatora nos cursos sobre “O coidado do alumnado con necesidades derivadas da deficiencias sensoriais “ (2008 e 2009), impartidos pola EGAP (Escola Galega de Administración Pública). Foi tamén relatora no “Iº Encontro de atención á diversidade desde os Departamentos de Orientación e o Equipo de Orientación Específico” (2013), organizado polo CFR de Lugo. Actualmente é integrante do equipo de Proxecto Neo en calidade de técnico en Braille, facilitándolle a Marco Pereira os guións neste alfabeto, imprescindible para levar a cabo a súa tarefa radiofónica.
(Xaneiro-Xuño 2016) Elena Valle García (Burela, 1998) combina a formación académica e musical coa creación literaria e a comunicación radiofónica.
En poesía, foi premiada no VIIIº Certame Mulleres do Noso Tempo de Cee (2015). Na modalidade de narrativa conseguiu premio no Certame Literario Trapero Pardo (2015), convocado polo Concello de Lugo.
En calidade de integrante do equipo de Proxecto Neo, a emisión radiofónica de referencia do Modelo Burela, resultou gañadora do Certame O Galego na Onda (2014), convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Radio Galega.
(Xaneiro-Xuño 2016)
Mónica Palacios Ferreira (Burela, 1998) combinou os estudos académicos coa dedicación á comunicación. Entrou na radiodifusión a través do programa Proxecto Neo, de promoción da interculturalidade, emitido semanalmente en Radio Burela.
Dentro do equipo de realización do programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo -no que colaborou con Marco Pereira, Elena Valle e Matías Nicieza-, responsabilízouse da área da comunicación escrita.
Todo
isto comezou cando eu estudaba primeiro de bacharelato no IES Marqués
de Sargadelos de San Cibrao. A María Xosé Pardiñas ocorréuselle a
idea de que eu preparase un programa e que un día máis tarde o
gravásemos en Radio Burela, a emisora en que actualmente estou
colaborando co programa Grandes Voces do Noso Mundo.
Eu
comentara coa profesora de tecnoloxía -María Xosé- que quería
facer un programa musical cun formato informativo. Gustábame
documentarme sobre un grupo ou solista para poder ofrecer a miña
opinión e poñer as súas cancións de referencia. María Xosé
propúxome que fixésemos unha proba, que buscase información sobre
un artista concreto. Así naceu o programa Quédate con nós!, o
primeiro e o único que fixemos para Radio Burela durante aquel curso
(2012). Estivo dedicado a un clásico da música: Stevie Wonder.
Mais
tarde, en Radio Valadouro, Pepe Vázquez Peinó -actual colaborador
de Radio Burela- fíxome unha entrevista e a partir dese momento
mantivemos o contacto. Case un ano máis tarde, comezamos as emisións
do Grandes Voces en Radio Valadouro. Contaba coa colaboración de
Tania Pernas, Sabela Quirós, Matías Nicieza -que se encargaba do
control técnico-, de Alma Ramos e do mesmo Pepe Peinó. O formato
era o do xa mencionado Quédate con Nós.
Esa
etapa durou uns cantos meses. Fixemos 15 programas e falamos de
grandes artistas e grupos como The Beatles, Muse, Mecano, etc.
En
agosto do 2013, as emisións do programa finalizaron nun clima de
incerteza. Descoñecíase que ía ser da emisora, que finalmente
botou o peche.
Uns
meses máis tarde souben que o amigo Matías Nicieza estaba
colaborando en Radio Burela e comecei a falar con el sobre a
posibilidade de trasladar a Radio Burela o Grandes Voces. A el non
lle pareceu unha mala idea e en xaneiro do 2015 arrancamos de novo.
Fixemos 19 programas, todos en directo e neles puxemos moita música
comentada.
Logo
de terminar o curso académico, tiña a intención continuar a partir
de setembro. Mais produciusr unha boísima casualidade: comecei a
estudar no IES Perdouro e co grande amigo Bernardo Penabade tamén
falei de radio. El propúxome facer un programa diferente: que tivese
un guión traballado -os anteriores non o tiñan- e que á vez
reunise contidos musicais e culturais. Así foi. Ás sete da tarde do
día 22 de xaneiro de 2016 comezaron as emisións do espazo dedicado
ás Grandes Voces do Noso Mundo, un programa músico-cultural
realizado conxuntamente con Helena Valle.
Cando
escribo estas liñas, xa recollemos as colaboracións de Manolo
Maseda, María do Ceo, Miro Casabella, Antonina Semedo, Ugía
Pedreira, Xurxo Souto, Carlos Yus (de Migallas) e o profesor Xosé
Francisco Noia (de GZ Música na Filial, do Instituto de Canido).
Debo confesarvos que este programa estame ensinando moitísimo tanto
cultural como musicalmente.
PRIVILEXIOS
O
programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo é o resultado dun
traballo en equipo. Helena Valle é unha persoa polifacética:
escribe, canta e dedícase á radio en Proxecto Neo. Estoulle moi
agradecido por facer parte desta grande aventura e por brindarme a
súa amizade sen pedir nada a cambio.
Ao
técnico que pilota a nave, Matías Nicieza, debo darlle as grazas
por abrirme as portas e por axudarme cando el mesmo tiña bastante
traballo. Moitas grazas tamén por todos eses risos que botamos a
micro pechado.
Foron
moitas as persoas que me axudaron -e que aínda me axudan- para que
eu poda alcanzar os obxectivos. Nesta entrada de agradecementos, non
podo esquecerme do conxunto de mestres e mestras que me deron clase
tanto no ensino primario como no secundario e bacherelato. Vaian,
pois, estas palabras para todas esas persoas.
Moitas
grazas a Leonor, por eses 7 anos que estivo ao meu lado axudándome
desde que comecei en infantil até que cheguei ao sexto curso do
ensino primario; por ser una boa amiga e conselleira e por ser unha
das persoas que me axudaron a chegar a onde cheguei.
Moitas
grazas a Cristina Ramudo, esa profesora que sempre me axudou; que
está comigo desde que entrei no ensino secundario. Alén de
profesora, tamén é unha grande amiga que me ve rir, mais que tamén
me ve botar algunha que outra lágrima.
Desexo
facer especial mención a María Xosé Pardiñas, profesora de
Tecnoloxía e Xefa de Estudos no Instituto Marqués de Sargadelos.
Grazas a ela comecei a desenvolverme no mundo da radio. Coincidirmos
de novo no Instituto Perdouro é outro privilexio para min.
O
meu nome é Marco Pereira Oliveira. Vivo na Ponte do Carro, en Xove.
Aínda que nacín aquí na Mariña Mindoniense, teño raíces
portuguesas.
Quixera
partillar coa audiencia algunhas referencias sobre a miña vida e
sobre as miñas experiencias educativas.
Sufro
una discapacidade visual que non me permite realizar de igual
maneiras as actividades académicas como calquera outro alumno ou
alumna da escola. Por iso, nomeadamente na etapa infantil, moitas
delas tiveron que ser adaptadas ás miñas condicións.
Nunha
primeira fase ensináronme a escritura braille. Son seis puntos cos
que as persoas cegas podemos facer todas as letras, todos os números
e todos os símbolos matemáticos e musicais que poidades imaxinar.
Cando teña ocasión, xa subirei a esta bitácora varios exemplos
para que o entendades mellor.
Aprendín
a ler de forma divertida. Axudoume moito un boneco para nenos
chamado Braillín e tamén me serviron de utilidade unhas regletas
especializadas que nos foron facilitadas pola ONCE.
No
CEIP Caselles Rollán continuei mellorando a lectura e comecei a
adquirir a escrita. Fun aprendendo coa axuda de Leonor, de quen
falarei na parte que dedicada ás persoas que me axudaron e que me
axudan a alcanzar os obxectivos.
Neses
seis anos aprendín moito. Con máis limitacións, é certo; mais fun
aprendendo e adquirindo os coñecementos necesarios para ir avanzando
de curso en curso.
A
entrada no ensino secundario supuxo un cambio grande. No IES Illa de
Sarón o profesorado era diferente e a persoa especialista en
pedagoxía terapéutica tamén. Pouco tardei en encariñarme con
Cristina, que aínda continúa axudándome no Ciclo Superior de
Administración e Finanzas (a formación que estou facendo na
actualidade).
No
nivel do ensino secundario, con máis ou menos dificultade, tamén
adquirín os coñecementos precisos para poder ir progresando. En
diversas materias fixeron moitas adaptacións para min. Se nos
libros aparecían ilustracións, Cristina adaptábamas da mellor
maneira para que eu puidese asimilar a información. Así
"visualicei" as mitocondrias, por exemplo.
Finalizada
a etapa do ensino secundario, que durou 5 anos, comecei o bacharelato
no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao. Alí estiven 4 anos,
porque cada curso foi dividido en dous para que eu puidese ir saíndo
adiante.
Os
contidos das materias tamén foron adaptados na medida do posible
para que eu os puidese asimilar. Aqueles que non podía facer,
suprimíanse.
Rematado
o bacharelato, chegou a selectividade. Foi unha aventura que non
conseguín superar. Fíxena en Pontevedra. no CRE Santiago Apóstol.
As persoas que sufrimos algunha deficiencia visual, temos alí os
cuestionarios adaptados.
Agora
estou matriculado nun Ciclo Superior de Administración e Finanzas no
IES Perdouro de Burela, onde me acolleron moi ben e onde me sinto moi
contento polo trato que recibo tanto do persoal administrativo, como
do docente e do alumnado.