12/03/2016

Presentación

O meu nome é Marco Pereira Oliveira. Vivo na Ponte do Carro, en Xove. Aínda que nacín aquí na Mariña Mindoniense, teño raíces portuguesas.
Quixera partillar coa audiencia algunhas referencias sobre a miña vida e sobre as miñas experiencias educativas.
Sufro una discapacidade visual que non me permite realizar de igual maneiras as actividades académicas como calquera outro alumno ou alumna da escola. Por iso, nomeadamente na etapa infantil, moitas delas tiveron que ser adaptadas ás miñas condicións.
Nunha primeira fase ensináronme a escritura braille. Son seis puntos cos que as persoas cegas podemos facer todas as letras, todos os números e todos os símbolos matemáticos e musicais que poidades imaxinar. Cando teña ocasión, xa subirei a esta bitácora varios exemplos para que o entendades mellor.
Aprendín a ler de forma divertida. Axudoume moito un boneco para nenos chamado Braillín e tamén me serviron de utilidade unhas regletas especializadas que nos foron facilitadas pola ONCE.
No CEIP Caselles Rollán continuei mellorando a lectura e comecei a adquirir a escrita. Fun aprendendo coa axuda de Leonor, de quen falarei na parte que dedicada ás persoas que me axudaron e que me axudan a alcanzar os obxectivos.
Neses seis anos aprendín moito. Con máis limitacións, é certo; mais fun aprendendo e adquirindo os coñecementos necesarios para ir avanzando de curso en curso.
A entrada no ensino secundario supuxo un cambio grande. No IES Illa de Sarón o profesorado era diferente e a persoa especialista en pedagoxía terapéutica tamén. Pouco tardei en encariñarme con Cristina, que aínda continúa axudándome no Ciclo Superior de Administración e Finanzas (a formación que estou facendo na actualidade).
No nivel do ensino secundario, con máis ou menos dificultade, tamén adquirín os coñecementos precisos para poder ir progresando. En diversas materias fixeron moitas adaptacións para min. Se nos libros aparecían ilustracións, Cristina adaptábamas da mellor maneira para que eu puidese asimilar a información. Así "visualicei" as mitocondrias, por exemplo.
Finalizada a etapa do ensino secundario, que durou 5 anos, comecei o bacharelato no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao. Alí estiven 4 anos, porque cada curso foi dividido en dous para que eu puidese ir saíndo adiante.
Os contidos das materias tamén foron adaptados na medida do posible para que eu os puidese asimilar. Aqueles que non podía facer, suprimíanse.
Rematado o bacharelato, chegou a selectividade. Foi unha aventura que non conseguín superar. Fíxena en Pontevedra. no CRE Santiago Apóstol. As persoas que sufrimos algunha deficiencia visual, temos alí os cuestionarios adaptados.

Agora estou matriculado nun Ciclo Superior de Administración e Finanzas no IES Perdouro de Burela, onde me acolleron moi ben e onde me sinto moi contento polo trato que recibo tanto do persoal administrativo, como do docente e do alumnado.

Sem comentários:

Enviar um comentário