19/07/2017

SELMA UAMUSSE

Programa 62



Dende Lisboa a Burela, Selma Uamusse falounos xusto antes de viaxar ata Galiza. O festival Terra da Fraternidade en Compostela foi o lugar escollido para a primeira actuación desta artista na nosa terra, na súa andaina en solitario.

A súa música, con moita influenza dos instrumentos tradicionais de Mozambique e África, así como cunha fusión de múltiples ritmos e acentos, son unha "fundición" das diversas culturas que ela mesmo viviu na súa formación e nas súas orixes.

Moito ritmo e moita danza, son o resumo dos seus concertos. Así que, á espera do lanzamento do seu primeiro disco e de volver tela na Galiza, deixámosvos a entrevista que o noso Marco e o noso Edilson lle fixeron a esta grande artista e muller africana.
 

11/07/2017

LULA'S (Cachupa Psicadélica)

Programa 61



A banda da Cachupa Psicadélica está liderada por Lula's na guitarra e na voz, Bilan no baixo e Jorge Machado na percusión. Lula's e Bilan son orixinarios da illa de São Vicente (Cabo Verde) e Jorge Machado procede do Portugal.

Esta "música para fazer fotossíntese" é o resumo da alma desta agrupación, que se complementa coa afirmación do propio convidado de "música das entranhas do meu Cabo-Verde nação cultural", e é que como el mesmo afirma, hai moito máis que unha nación ou que un territorio. É unha lingua e toda unha identidade.

Despois de dous albums, "Augas Mornas" e "O último caboverdiano triste", esta banda consolídase como unha das máis importantes no panorama lusófono. Cunha xira que percorrerá os países de fala galega, agora só queda abrir os brazos para que veñan á Galiza.

02/07/2017

JOÃO CAETANO

Programa 60


Chegou a Londres con 18 anos para perseguir o seu soño musical, logo de pasar a súa infancia en Macao. Xa dende ben pequeno asistiu ao conservatorio, e foi ao chegar a Europa cando ingresou na banda musical Incognito para así pasar a dedicarse profesionalmente á música.

"Partir sempre p'ra voltar. Voltar sempre p'ra partir", di. Así é como resume a súa vida entre os tres países que leva no corazón: a China, Inglaterra e Portugal. Terras que desprenderon todo o cariño coa acollida do seu primeiro EP en solitario, lanzado no 2016.

O seu son, segundo el mesmo o sente, é a unión da raíz do fado e dos cantares lusos coa modernidade. "Unha música do mundo", define João. E unindo estes elementos, coa nosa propia aportación multicultural, naceu esta nova edición do Grandes Voces do Noso Mundo, que hoxe vos deixamos.

26/06/2017

GAEL (SOM DO GALPOM)

Programa 59



Aló polo 2005 Gael xuntouse á idea de seu irmán Brais e o seu amigo Juan para crear unha agrupación buscando unha música orixinal e diferente. Dende A Moniña, onde comezaron, seguen agora coa quinta formación, di o noso convidado, polo que unha chea de músicos foron modulando o que agora é Som do Galpom.

No 2008 recibiron varios premios, entre os que destacou o Nsaio no Camiño, por ser o salto definitivo á escena pública. Na súa carreira profesional tamén houbo lugar para a participación no A Polo Ghit ou no Cantalingua!.

Esa xeografía galega que xa teñen percorrida viviu toda a enerxía e a conexión co público que sempre pretenden atopar. Proximamente Brais e Gael Bassave, Pablo Rey, Iván Bernárdez e Javi Miranda estarán en Compostela, Barreiros ou Serra de Outes, para continuar dicíndolle á xente iso de "Baila", e para enchernos a todos de boas vibracións.

 

17/06/2017

SAMUEL SOLLEIRO

Programa 58



Ataque Escampe sacou este febreiro un novo disco: Primeiros Bicos. Dende o noso programa quixemos falar con Samuel Solleiro desta década que levan sobre os escenarios. Un premio de canción de autor foi o que os levou a este camiño profesional e dende esa, as súas notas non deixaron de chegarnos. 

Roi Vidal, Miguel Mosqueira, Álex Charlón (que xa non se atopa no grupo), Álvaro Trillo, Lois Carlín e o noso convidado son os nomes que forman ou formaron parte desta banda que se foi modelando, non só en canto a persoas, senón en canto a instrumentos e mesmo ás súas cancións.

Parolamos con el sobre Discos da máquina (un interesante proxecto para a edición de cd), o Café UF (que foi o lugar que os viu gañar ese premio co que comezaron), a Regueifa Plataforma (un Netlabel galego) e mesmo dos Resentidos (ese grupo que tanto lles gusta).


10/06/2017

IRANDÊ CESAR

Programa 57



Hai trece anos formouse a Academia da Berlinda, en Pernambuco. Logo dos seus discos, "Academia da Berlinda" (2007), "Olindance" (2011) e "Nada sem ela" (2016), e sendo símbolo da síntese da cultura da súa cidade e da cultura afro-brasileira, as gravacións son cada vez máis modeladas e maduras.

"Conforme o tempo pasa, as persoas viven e as cousas acontecen, a música avanza cada vez a mellor", asegura Irandê Cesar. O cuarto disco, xa en produción, promete seguir a esencia desta banda. Seguiremos atentos porque tentarán chegar á Galiza, para complementar todos eses lugares do Brasil nos que tocan habitualmente.

Deixámosvos agora cunha nova entrega do Grandes Voces do Noso Mundo:

27/05/2017

BELÉM TAJES

Programa 56



De Buenos Aires á Coruña, pasando por Camariñas. Así resumiríamos os lugares de referencia na vida de Belém Tajes, neta de emigrantes, viviu na vila da Costa da Morte na súa volta á terriña, logo de que seus pais tamén escolleran a Arxentina como fogar. Posteriormente mudouse á Coruña. De máis nova estudou violonchelo, mais decatouse logo de que a voz era, se cadra, unha mellor vía para ela. Comezou a desenvolvela no coro feminino Sisters in the house, dirixido por Carmen Rei, e continuou compoñendo e facendo música no seu grupo VooDoo.

Luar na lubre é agora o seu proxecto principal, cun horizonte de concertos por toda Europa, que supoñen unha ilusión e un reto. A satisfacción de ver ao público, di, é o máis importante para ela, máis aínda coa apresurada adaptación ao grupo que viviu, xa que foron apenas quince días os que tiñan para compenetrarse dende a súa chegada ata o primeiro concerto.





A súa parte creativa fai que non pare nunca o seu proxecto persoal, e que as súas metas sigan a medrar cada vez máis. Así llo contou ao noso Marco neste Grandes Voces do Noso Mundo.


21/05/2017

BARAHÚNDA

Programa 55



Jose Luís Lara Gruñeiro e Helena de Alfonso formaron Barahúnda en 1998 en Madrid. Música folk de raíz ibérica, cantigas galego-portuguesas, cantares mozárabes, cancións sefardís e outras composicións propias incluíronse no seu repertorio. Tres discos compoñen a súa traxectoria:"Al sol de la hierba" (2002), "Una hora en la ventana" (2006) e "Múdanse os ventos" (2015).

Agora, con máis música "feita por nós", recorren o país e moitos outros lugares, levando os ritmos atlánticos aló onde van. Rodeados de persoas como José Luís do Pico, Xurxo Varela, Raúl Lojo e outros, seguen a facer traxectoria. O camiño continuará agora polo Curral do Marqués (Rianxo), pola Pousada das Ánimas (en Boiro, na homenaxe a Narf), por Lugo, Vilar de Santos, Boiro, Lousame ou Asturias.

Para descubrir máis, deixámosvos a entrevista que o noso Marco e o noso Edilson lle fixeron a estes dous artistas!

13/05/2017

CARLOS GUERREIRO

Programa 54



"Ainda há gaiteiros em Lisboa?" a resposta de Carlos Guerreiro é directa: hai moitos. Falamos cun dos fundadores da asociación Gaiteiros de Lisboa na que conflúen estes artistas na cidade, e que creou xunto con Paulo Marinho ou José Manuel David (entre outros).

Vozes na Luta foi fundado por Mario Branco, e foi unha agrupación coa que iniciou a súa vida musical Carlos Guerreiro. Fixeron unha xira por España onde, tras contactar co disco Faíscas do Xiabre, o Carlos namorou da música galega e tomou con maior seriedade e peso a arte do gaiteiro.

Produtor da súa propia música e de artistas como Os Bandarra, fabricante de instrumentos (investigando nova sonoridades, di) e mesmo autor da Chula Gaiteira, canción dese Xabarín Club, que tanta pegada deixou na nosa xeración... Ten moito que contar!

Deixámosvos a entrevista que a equipa do Grandes Voces do Noso Mundo lle fixo nesta edición!


06/05/2017

O LEO

Programa 53

"Son un tipo bastante independente, ademais de independentista".


Profesor no Instituto Politécnico de Vigo e Filólogo. Poeta e Músico. Estética punky e canción reivindicativa galega. "Rural Love" e "Corina Porro". "Quero Aghobiarte" e "A neurona na patineta". "En lo más hondo" e "Materialismo dialéctico". Así é O Leo i Arremacághona!!! e así é o profesional que está tras este artista.

No ano 1998 publicou o seu primeiro disco, con 24 anos, e foi no 2006, logo de participar no concurso "A polo ghit", cando seguiu unha traxectoria que, fixándose na escola catalana, combina as súas cancións con personaxes que soben ao escenario... Mellor dito, cunha familia enteira de artistas que non deixan indiferente a ninguén!

Demostrando que a normalización se fai cada día, participa en diversas iniciativas, como é a de Contubernio Tabernario... De todo iso falou co noso Marco e con Bernardo Penabade, así que para coñecer todos os demais proxectos nos que cre, escoitade a entrevista deste Grandes Voces do Noso Mundo.

29/04/2017

ICO (O SONORO MAXÍN)

Programa 52

"A idea é facer, ademais de bailar os pés, remover as cabezas e as ideas".

O Sonoro Maxín naceu hai dez anos en Ourense, xuntando os músicos de Lamatumbá e Cinnamon Gun. Agora lanzan novo disco, pensando en todos os detalles: o sete e o dezasete son os días de feira na cidade das Burgas. Marabillosa coincidencia de números sete na súa traxectoria, que souberon aproveitar para titular o novo traballo: Se7edezase7te!

Abraham, Cristina Asenjo, Jaime Mateo, Xurxo Brea e Ico comezaron xa coa presentación destas novas cancións, ás que quixeron darlle unha volta nova. E irán agora a Bueu, Pontevedra, Vilar de Santos, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Melide, e unha longa lista de cidades para escoitar en directo a estes artistas.

Poderedes atopar o disco nas tendas ou nos concertos desta banda. Poderedes atopar moito sentimento neste Deixe Falar do Grandes Voces do Noso Mundo, que aquí vos deixamos!

23/04/2017

BARRO

Programa 51




De Pernambuco a Burela. Do norte do Brasil ao norte da Galiza. Así foi a conversa con este cantor e compositor musical a ritmo de pop. Non quedou aí a cousa, xa que aínda incluímos máis lugares: Italia, país onde realizará diversos concertos deste 26 de abril ao 2 de maio, por segunda vez na súa carreira profesional.

Iniciou o camiño en solitario no 2016, mais xa levaba máis de quince anos traballando con outros artistas. Comezou producindo outros compositores e cantantes, e aí naceu o sentimento de querer experimentar pola súa banda. E entón chegou Miocárdio, o seu disco, que é unha mestura de diversas culturas: Italia, Canadá, Estados Unidos, Colombia, Brasil... Unha pura conexión entre o noso mundo.

"Que a música leve á xente o máis lonxe posible", di. Agardámolo entón na nosa Galiza, cos brazos e o coração feliz. Convidado quedas, amigo Barro!

09/04/2017

LILÍ DOS TOXOS

Programa 50


Andrea Méndez Álvarez tomou no 2008 ese nome de Lilí dos Toxos. Unha orixinal idea na que probablemente tivo moita influencia ese tempo compartido con Xabier Cordal como mestre de aulas e de vida.

Criada entre Ribadeo e a Terra Chá, dedicou gran parte do seu tempo a reforzar a súa parte artística, coa música e o teatro, tamén en Compostela. Participou no Luar, marchou a Londres para loitar polo seu soño, participou tamén no Britain's got talent... E gañou o "Voces con talento", que colabora con La Voz. Así que proximamente volveremos a vela nas nosas pantallas, mais polo momento, aquí vai a entrevista feita a tres voces!



01/04/2017

GRACIELA PEREIRA

Programa 49

Música galega feita dende Bos Aires, é o que resume a conversa desta semana. Tangos en galego feitos por Graciela Pereira, que coa interculturalidade na pel, por ser neta de galegos, italianos e franceses, non fai senón que esta medre en cada novo proxecto.

Foi o seu avó lalinense quen lle transmitiu todos o sentimento da nosa cultura, así que naturalmente naceu nela un vínculo coa Galiza, que aumentou grazas ao Centro Galego. Despois da súa formación nos conservatorios, e a súa formación teatral e escenográfica, dedicou o seu tempo ao canto no coro do Centro Galego e do Centro Lucense, combinada coa profesión de mestra de educación especial.

Unha bonita historia dunha familia emigrada, que nunca quebrou os lazos coa nosa terriña... Convidada quedas a vir visitarnos, Graciela. E convidados vostedes a escoitar esta marabilla de entrevista!


25/03/2017

MARÍA DOLORES OTERO

Programa 48

Nesta edición do Grandes Voces do Noso Mundo tocou falar de didáctica e formación de música, coa profesora María Dolores Otero. Nada en Viveiro, estudou nos conservatorios de Viveiro e Santiago de Compostela, e compaxinou os estudos musicais coa licenciatura de Bioloxía, materia na que é Doutora.

Dende os oito anos, cando tivo o primeiro contacto co solfeo, comezou a súa relación inseparable coa música... Que tivo o seu grao máximo de dificultade na súa etapa universitaria, ao combinar ambos estudos.

Agora, no seu presente, sinte que hai que facer unha forte reforma pola música, e unha aposta por esta... Di que está desamparada na educación obrigatoria, xusto cando "temos os mellores músicos".

Todo isto e moito máis foi o que nos contou na entrevista desta semana!


20/03/2017

AIDA SACO BEIROA

Programa 47



Marco, Silvera e Edilson, un triángulo perfecto para a entrevista desta semana: unha artista nada no ano 1998 que xa percorreu lugares como Estambul, Brixtol, París, o Sahara...

Esta compositora e intérprete musical, vai presentar o seu disco. Un traballo que é o resultado de moitos anos de esforzo, que tivo como berce Rianxo, o seu lugar de nacemento. Coas primeiras clases de piano do Liceo do pobo colleu a experiencia precisa para saltar ao Centro de Estudos Musicais con catorce anos. Nese mesmo intre decidiu que ía loitar por ter un futuro dedicado ao piano.

É exemplo de traballo e constancia, cambiando incluso de concello cada día para poder compaxinar instituto e conservatorio. Participante en diversas master class de Alexander Gold ou Abe Rábade, ve como privilexio o poder acceder a tal formación.

Co mellor desexo para que poidades acudir aos seus concertos, deixámosvos todo o que lles contou aos nosos locutores!

11/03/2017

SOFÍA ESPIÑEIRA

Programa 46




Sofía Espiñeira leva un ano dando concertos logo de gravar o seu primeiro disco. "Alá onde agroman as herbas", froito de gañar o segundo concurso de canción de autor en Teo... A partires dese momento, decidiu que dedicarse á música era tamén unha boa opción.

E así o fixo: deu o salto de tocar e cantar na intimidade a facelo para un grande público. As súas letras, que falan de sentimentos e temáticas sociais, do seu día a día, son moi ben acollidas aló onde vai.

Precisamente é neses lugares onde se pode mercar o disco. Tamén na libraría Paz de Pontevedra, na fundación Artabria en Ferrol ou no Espazo Lector Nobel de Boiro. Está con novos proxectos en mente, entre os que se atopa un ben prometedor con Marta Ortiz, da Tropa de Trapo.

Disto e de moito máis falaron o Marco e Edilson nesta edición do Grandes Voces do Noso Mundo.

10/03/2017

ROCÍO CASTRO TARRÍO

Programa 45



A Casa das Crechas de Santiago de Compostela cumpre 30 anos. Música tradicional ao vivo é a clave deste lugar de referencia da noite compostelá... Logo de moitos artistas recollidos entre as súas paredes, chega a estas tres décadas cun programa de actos sen precedente, elaborado por Vizcaya Larios e Vítor Belho.

Abrindo boca cunha exposición de Banda Deseñada que conta a historia do local e de como se chegou a ese nome tan característico.

Un lugar para a diversidade onde soaron nomes como Luis Pastor, como Os Porco-Teixos, como Aline Fraçon, como Antonio Zambujo nunha actuación moi especial para este trinta aniversario... Alguén que enche un Teatro Principal e que actuará para unhas 70 persoas na Casa das Crechas.

Un mes de eventos para homenaxear un dos lugares de referencia cultural en Compostela... E quen mellor para contalo que Rocío Castro. Aí vai a súa entrevista!

02/03/2017

ALBERTO PRADO VIAMONTE

Programa 44




"Foi unha experiencia novidosa (...) cunha música que non era exactamente comercial. Foi un orgullo poder facer o que che gusta". Alberto Prado fala de cando comezaron co proxecto de Alma Latina, aló polo 2003.

Os seus seis membros actuais están sempre ao día das novidades musicais, para levar o mellor ás verbenas. Por que deberían apostar por eles? Destacan os temas galegos que tentan defender aló onde van.

A traxectoria del comezara moito antes, e xa se fora consolidando no grupo Nordés, onde tocaba a frauta traveseira, a gaita e o saxofón.

Un mundo cheo de notas musicais; unha vida chea de melodía... Que nos achegou na entrevista desta edición do Grandes Voces!

21/02/2017

NANCY VIEIRA

Programa 43



Guinea veuna nacer, Cabo Verde medrar, e Portugal viviu con ela a maior parte dos seus anos. Da súa voz sae que a pesares de toda a mestura, séntese caboverdiana, coma toda a súa familia.

O primeiro disco foi unha grande sorpresa para ela. Chegou aos seus 20 anos, logo de gañar un concurso de novos artistas en Portugal. Gaby do grupo Irmãos Verdades acompañouna ao violín. E que había nel? Música tradicional de Cabo Verde, con sons e ritmos do país, música mestiza con moitas influenzas doutras culturas.

Nancy Vieira é unha artista que sempre se rodeu dos grandes músicos e das grandes voces do panorama lusófono... Ao seu carón estivo Uxía, estivo Carlos Blanco, estivo Narf... E ela regalou a súa presenza ao Cantos na Maré.

A delicia da entrevista que lle fixeron Marco e Edilson, a continuación...


11/02/2017

SÉS

Programa 42




María Xosé Silvar, coñecida como Sés, converteuse en profesional da música por casualidade. Que bonita casualidade!

Declárase fan de Batuko Tabanka e di que quere visitar África. Nós poderemos visitala a ela e á súa música este 18 de febreiro en Burela... Presentaranos Opoñerse á extinción, un disco con doce temas nos que puxo a súa alma. Gústalle ese número, porque nin son moitos nin son poucos. A nós gústanos o que nos conta. Porque non somos fadas nin princesas, porque a palabra é o misil pertinente e porque tentamos deixar semente de vencer.

"É un concerto longo", di do que nos espera en Burela. Que ganas temos de escoitar as artistadas que crea con ese bonito equipo detrás. A súa man indispensable, Xabier Ferreiro, é unha parte fundamental. Porque para ela todas as persoas que van con ela son un máis.

Del, dos músicos que a acompañan, das coristas, dos seus concertos, de onde toca... De todo iso se falou nesta entrevista de Marco e Silvera a unha das grandes artistas da nosa cultura. Aí vos vai!

04/02/2017

ÁLEX LANDIM, COMPAÑEIRO EXEMPLAR



O pasado día 24 de xaneiro celebrouse no IES Perdouro un acto dedicado ao exalumno Álex Landim. Grazas ao seu esforzo e dedicación, a Xunta de Galicia outorgoulle un premio en forma de compensación económica.

Álex chegou a Burela no ano 2014. Pouco a pouco, foi conseguindo os obxectivos marcados e hoxe por hoxe está loitando por consolidarse no bacharelato de Artes.

No acto falaron, entre outras persoas: María Xosé Andión, a xefa de estudos do centro; Silvera Vicente de Oliveira, amiga e compañeira de promoción de Álex; e Antonina Semedo, unha das primeiras caboverdianas en chegar á nosa terra.

Eu tamén participei. Para min Álex foi un piar importante cando cheguei ao centro. El encargouse de que non estivese só; acompañoume nos recreos foime presentando moitos compañeiros e compañeiras para que me fose relacionando con máis xente. Desde que o coñecín, nunca máis pasei un recreo só ao lado dunha columna.

O Goberno Galego fíxolle a Álex o recoñecemento de alumno exemplar e estas miñas palabras queren ser tamén outro recoñecemento, neste caso ao de compañeiro exemplar. Creo que Álex debería ser un referente para todos e todas, non só para aqueles caboverdianos que chegaron hai pouco tempo á Mariña.



FRAN GARCÍA

Programa 41



Tivemos a sorte de celebrar o primeiro aniversario do Grandes Voces do Noso Mundo cunha entrevista en plató.

Fran García acompañounos para contarnos que anecdoticamente comezou coa música cando aínda estaba no colexio de Cervo... Foi no momento no que ía marchar un profesor moi querido por el cando se dicidiu a cantarlle unha canción como mostra de aprecio e agradecemento. Anos despois ese mesmo mestre envioulle as bases dun concurso musical en Ponteareas, do cal o noso Fran resultou gañador. Dende aí chegaron os concertos, as entrevistas na radio, na televisión, e unha longa lista de éxitos.

Agora, anos despois, vese animado a retomar a actividade que pausou durante un par de anos. Pola nosa banda será moi benvenvido... Aquí queda a marabillosa entrevista da nosa Karina e o noso Marco!

28/01/2017

MARÍA MANUELA

Programa 40

A María Manuela gústalle escoitar a Cesária Évora mentres pinta. Ela tamén canta, e diso xa vai algún que outro ano... Aos 17 comezou a facelo nos concursos de Ferrol, e logo seguiu medrando artisticamente cando coñeceu ao seu marido Miguel.

Aló polos anos da ditadura reivindicaron a nosa lingua, cantando en galego nos locais. Eran ben acollidos polo público, di, aínda que ao saír puideran ter represarias por esa decisión tan valente naqueles tempos.

Puxeron ritmo aos poemas de Celso Emilio, de Manuel María, de Ana Caxiao, de Rosalía... Porque, afirma, poderían crear novas letras, mais temos unha poesía marabillosa.

Agora está a crear un novo disco con outros catro músicos e a axuda do seu fillo Xurxo. "Vai amodiño, que tampouco tempos présa"... Así que, mentres, quedamos coa entrevista na que desta volta estivo ao mando Silvera, man a man co noso Marco!

24/01/2017

BRAIS MORÁN

Programa 39



"A cultura galego-portuguêsa bate de pertinho no coração", di Brais Morán. É da Coruña e hai cousa de dous anos lanzou ao mercado Cruzando o Eclipse, un disco persoal co que iniciou a súa carreira en solitario, logo de ser cantante e guitarrista na banda funk Loretta Martín.

Toca algunha que outra vez co seu pai, e di que se cadra foi o medrar velo tocando o que o levou a encamiñarse por este mundo... Mais non só a el, a súa familia é unha familia-música. A súa avoa ensináballes sempre a cantar as cancións tradicionais. E como non ía ser así? Os Morán Fraga descenden de Pascual Veiga!

Os días tres e dezaoito de febreiro estará en Arteixo e na Coruña, cos acústicos dos seus temas. O próximo tres de marzo xa tocará coa banda, na Coruña tamén, onde rememorará temas de Narf, e moitos temas propios...

El é tamén... Ben, mellor escoitade a entrevista, e así coñecedes moito máis!

14/01/2017

SABELA MANEIRO

Programa 38





Feliz ano a todas e a todos!

O Grandes Voces do Noso Mundo presentou o seu primeiro programa deste ano 2017. A entrevista, desta volta, veu da man do noso Marco e a nosa Silvera, que tiveron a sorte de contar coa voz de Sabela Maneiro.


Tanxungueiras é un grupo musical formado por Aida, Olaia e Sabela. Tres pandereiteiras que renovaron a base tradicional da nosa música, e que para enriquecer aínda máis o seu son, xuntáronse con Cibrán (ao violín) e Rubén (ao acordeón). Tres mulleres que levan algo máis dun ano achegando máis vida ao mundo artístico da nosa Galiza. As palabras de Sabela deixáronnos con moitas ganas de coñecer máis, e é que este grupo, que naceu casualmente para un evento familiar, dará agora o salto e irá a Glasgow coa Banda das Crechas!

Escoitade, escoitade, que non ten perda... Só vos dicimos que o seu obxectivo primordial para este ano que entra (e para os que veñan) é pasalo ben sobre o escenario...