24/03/2016

Programas anteriores

Este é o listado de programas xa emitidos, desde que saímos por primeira vez en antena (22/01/2016):

Programas xa emitidos

No último dos programas tivemos a oportunidade de coñecer a M. J. Pérez (18/03/2016):



Innovación educativa de vangarda en Canido (Xosé Francisco Noia):



Zargallada (Carlos Yus):



O fumareu de Xurxo Souto:



A factoría dos soños de Rinlo (Conversa con Ugia Pedreira):



Modelo Burela: A ponte musical con Cabo Verde (Antonina Semedo):










15/03/2016

Quen somos?



Marco Pereira Oliveira (Xove, 1993) combina a amplicación de estudos de Administración e Finanzas coa dedicación á radiofonía. Desde que realizase en 2012 un primeiro programa escolar, baixo a orientación da profesora María José Pardiñas, pasou a colaborar primeiro con Radio Valadouro e despois con Radio Burela, da man de Pepe Peinó e Matías Nicieza.






Silvera Vicente de Oliveira (Ribeira da Barca -Illa de Santiago-, Cabo Verde, 1998) vive en Burela desde o ano 2006. Estudante de bacharelato no Instituto Perdouro, combina a formación académica o exercicio do voluntariado. Desde setembro de 2016 colabora con Marco Pereira en tarefas de produción e locución.








Sara Gil Cordido (Burela, 1996) estuda xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén realiza voluntariado cultural en distintas actividades da cidade. Dentro do equipo de Grandes Voces do Noso Mundo encárgase de actualizar o blogue.


Cristina Ramudo Couto (Foz, 1978) é mestra de Pedagoxía Terapéutica e traballa coa Deficiencia Visual dende o ano 2006. Participou como relatora nos cursos sobre “O coidado do alumnado con necesidades derivadas da deficiencias sensoriais “ (2008 e 2009), impartidos pola EGAP (Escola Galega de Administración Pública). Foi tamén relatora no “Iº Encontro de atención á diversidade desde os Departamentos de Orientación e o Equipo de Orientación Específico” (2013), organizado polo CFR de Lugo. Actualmente é integrante do equipo de Proxecto Neo en calidade de técnico en Braille, facilitándolle a Marco Pereira os guións neste alfabeto, imprescindible para levar a cabo a súa tarefa radiofónica.






(Xaneiro-Xuño 2016)
Elena Valle García (Burela, 1998) combina a formación académica e musical coa creación literaria e a comunicación radiofónica.
En poesía, foi premiada no VIIIº Certame Mulleres do Noso Tempo de Cee (2015). Na modalidade de narrativa conseguiu premio no Certame Literario Trapero Pardo (2015), convocado polo Concello de Lugo.
En calidade de integrante do equipo de Proxecto Neo, a emisión radiofónica de referencia do Modelo Burela, resultou gañadora do Certame O Galego na Onda (2014), convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Radio Galega.




(Xaneiro-Xuño 2016)
Mónica Palacios Ferreira (Burela, 1998) combinou os estudos académicos coa dedicación á comunicación. Entrou na radiodifusión a través do programa Proxecto Neo, de promoción da interculturalidade, emitido semanalmente en Radio Burela.
Dentro do equipo de realización do programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo -no que colaborou con Marco Pereira, Elena Valle e Matías Nicieza-, responsabilízouse da área da comunicación escrita.



12/03/2016

Experiencia radiofónica

Todo isto comezou cando eu estudaba primeiro de bacharelato no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao. A María Xosé Pardiñas ocorréuselle a idea de que eu preparase un programa e que un día máis tarde o gravásemos en Radio Burela, a emisora en que actualmente estou colaborando co programa Grandes Voces do Noso Mundo.
Eu comentara coa profesora de tecnoloxía -María Xosé- que quería facer un programa musical cun formato informativo. Gustábame documentarme sobre un grupo ou solista para poder ofrecer a miña opinión e poñer as súas cancións de referencia. María Xosé propúxome que fixésemos unha proba, que buscase información sobre un artista concreto. Así naceu o programa Quédate con nós!, o primeiro e o único que fixemos para Radio Burela durante aquel curso (2012). Estivo dedicado a un clásico da música: Stevie Wonder.
Mais tarde, en Radio Valadouro, Pepe Vázquez Peinó -actual colaborador de Radio Burela- fíxome unha entrevista e a partir dese momento mantivemos o contacto. Case un ano máis tarde, comezamos as emisións do Grandes Voces en Radio Valadouro. Contaba coa colaboración de Tania Pernas, Sabela Quirós, Matías Nicieza -que se encargaba do control técnico-, de Alma Ramos e do mesmo Pepe Peinó. O formato era o do xa mencionado Quédate con Nós.
Esa etapa durou uns cantos meses. Fixemos 15 programas e falamos de grandes artistas e grupos como The Beatles, Muse, Mecano, etc.
En agosto do 2013, as emisións do programa finalizaron nun clima de incerteza. Descoñecíase que ía ser da emisora, que finalmente botou o peche.
Uns meses máis tarde souben que o amigo Matías Nicieza estaba colaborando en Radio Burela e comecei a falar con el sobre a posibilidade de trasladar a Radio Burela o Grandes Voces. A el non lle pareceu unha mala idea e en xaneiro do 2015 arrancamos de novo. Fixemos 19 programas, todos en directo e neles puxemos moita música comentada.
Logo de terminar o curso académico, tiña a intención continuar a partir de setembro. Mais produciusr unha boísima casualidade: comecei a estudar no IES Perdouro e co grande amigo Bernardo Penabade tamén falei de radio. El propúxome facer un programa diferente: que tivese un guión traballado -os anteriores non o tiñan- e que á vez reunise contidos musicais e culturais. Así foi. Ás sete da tarde do día 22 de xaneiro de 2016 comezaron as emisións do espazo dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo, un programa músico-cultural realizado conxuntamente con Helena Valle.
Cando escribo estas liñas, xa recollemos as colaboracións de Manolo Maseda, María do Ceo, Miro Casabella, Antonina Semedo, Ugía Pedreira, Xurxo Souto, Carlos Yus (de Migallas) e o profesor Xosé Francisco Noia (de GZ Música na Filial, do Instituto de Canido). Debo confesarvos que este programa estame ensinando moitísimo tanto cultural como musicalmente.
PRIVILEXIOS
O programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo é o resultado dun traballo en equipo. Helena Valle é unha persoa polifacética: escribe, canta e dedícase á radio en Proxecto Neo. Estoulle moi agradecido por facer parte desta grande aventura e por brindarme a súa amizade sen pedir nada a cambio.

Ao técnico que pilota a nave, Matías Nicieza, debo darlle as grazas por abrirme as portas e por axudarme cando el mesmo tiña bastante traballo. Moitas grazas tamén por todos eses risos que botamos a micro pechado.

AS AXUDAS

Foron moitas as persoas que me axudaron -e que aínda me axudan- para que eu poda alcanzar os obxectivos. Nesta entrada de agradecementos, non podo esquecerme do conxunto de mestres e mestras que me deron clase tanto no ensino primario como no secundario e bacherelato. Vaian, pois, estas palabras para todas esas persoas.
Moitas grazas a Leonor, por eses 7 anos que estivo ao meu lado axudándome desde que comecei en infantil até que cheguei ao sexto curso do ensino primario; por ser una boa amiga e conselleira e por ser unha das persoas que me axudaron a chegar a onde cheguei.
Moitas grazas a Cristina Ramudo, esa profesora que sempre me axudou; que está comigo desde que entrei no ensino secundario. Alén de profesora, tamén é unha grande amiga que me ve rir, mais que tamén me ve botar algunha que outra lágrima.
Desexo facer especial mención a María Xosé Pardiñas, profesora de Tecnoloxía e Xefa de Estudos no Instituto Marqués de Sargadelos. Grazas a ela comecei a desenvolverme no mundo da radio. Coincidirmos de novo no Instituto Perdouro é outro privilexio para min.



Presentación

O meu nome é Marco Pereira Oliveira. Vivo na Ponte do Carro, en Xove. Aínda que nacín aquí na Mariña Mindoniense, teño raíces portuguesas.
Quixera partillar coa audiencia algunhas referencias sobre a miña vida e sobre as miñas experiencias educativas.
Sufro una discapacidade visual que non me permite realizar de igual maneiras as actividades académicas como calquera outro alumno ou alumna da escola. Por iso, nomeadamente na etapa infantil, moitas delas tiveron que ser adaptadas ás miñas condicións.
Nunha primeira fase ensináronme a escritura braille. Son seis puntos cos que as persoas cegas podemos facer todas as letras, todos os números e todos os símbolos matemáticos e musicais que poidades imaxinar. Cando teña ocasión, xa subirei a esta bitácora varios exemplos para que o entendades mellor.
Aprendín a ler de forma divertida. Axudoume moito un boneco para nenos chamado Braillín e tamén me serviron de utilidade unhas regletas especializadas que nos foron facilitadas pola ONCE.
No CEIP Caselles Rollán continuei mellorando a lectura e comecei a adquirir a escrita. Fun aprendendo coa axuda de Leonor, de quen falarei na parte que dedicada ás persoas que me axudaron e que me axudan a alcanzar os obxectivos.
Neses seis anos aprendín moito. Con máis limitacións, é certo; mais fun aprendendo e adquirindo os coñecementos necesarios para ir avanzando de curso en curso.
A entrada no ensino secundario supuxo un cambio grande. No IES Illa de Sarón o profesorado era diferente e a persoa especialista en pedagoxía terapéutica tamén. Pouco tardei en encariñarme con Cristina, que aínda continúa axudándome no Ciclo Superior de Administración e Finanzas (a formación que estou facendo na actualidade).
No nivel do ensino secundario, con máis ou menos dificultade, tamén adquirín os coñecementos precisos para poder ir progresando. En diversas materias fixeron moitas adaptacións para min. Se nos libros aparecían ilustracións, Cristina adaptábamas da mellor maneira para que eu puidese asimilar a información. Así "visualicei" as mitocondrias, por exemplo.
Finalizada a etapa do ensino secundario, que durou 5 anos, comecei o bacharelato no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao. Alí estiven 4 anos, porque cada curso foi dividido en dous para que eu puidese ir saíndo adiante.
Os contidos das materias tamén foron adaptados na medida do posible para que eu os puidese asimilar. Aqueles que non podía facer, suprimíanse.
Rematado o bacharelato, chegou a selectividade. Foi unha aventura que non conseguín superar. Fíxena en Pontevedra. no CRE Santiago Apóstol. As persoas que sufrimos algunha deficiencia visual, temos alí os cuestionarios adaptados.

Agora estou matriculado nun Ciclo Superior de Administración e Finanzas no IES Perdouro de Burela, onde me acolleron moi ben e onde me sinto moi contento polo trato que recibo tanto do persoal administrativo, como do docente e do alumnado.