27/05/2017

BELÉM TAJES

Programa 56



De Buenos Aires á Coruña, pasando por Camariñas. Así resumiríamos os lugares de referencia na vida de Belém Tajes, neta de emigrantes, viviu na vila da Costa da Morte na súa volta á terriña, logo de que seus pais tamén escolleran a Arxentina como fogar. Posteriormente mudouse á Coruña. De máis nova estudou violonchelo, mais decatouse logo de que a voz era, se cadra, unha mellor vía para ela. Comezou a desenvolvela no coro feminino Sisters in the house, dirixido por Carmen Rei, e continuou compoñendo e facendo música no seu grupo VooDoo.

Luar na lubre é agora o seu proxecto principal, cun horizonte de concertos por toda Europa, que supoñen unha ilusión e un reto. A satisfacción de ver ao público, di, é o máis importante para ela, máis aínda coa apresurada adaptación ao grupo que viviu, xa que foron apenas quince días os que tiñan para compenetrarse dende a súa chegada ata o primeiro concerto.





A súa parte creativa fai que non pare nunca o seu proxecto persoal, e que as súas metas sigan a medrar cada vez máis. Así llo contou ao noso Marco neste Grandes Voces do Noso Mundo.


Sem comentários:

Enviar um comentário