27/05/2017

BELÉM TAJES

Programa 56



De Buenos Aires á Coruña, pasando por Camariñas. Así resumiríamos os lugares de referencia na vida de Belém Tajes, neta de emigrantes, viviu na vila da Costa da Morte na súa volta á terriña, logo de que seus pais tamén escolleran a Arxentina como fogar. Posteriormente mudouse á Coruña. De máis nova estudou violonchelo, mais decatouse logo de que a voz era, se cadra, unha mellor vía para ela. Comezou a desenvolvela no coro feminino Sisters in the house, dirixido por Carmen Rei, e continuou compoñendo e facendo música no seu grupo VooDoo.

Luar na lubre é agora o seu proxecto principal, cun horizonte de concertos por toda Europa, que supoñen unha ilusión e un reto. A satisfacción de ver ao público, di, é o máis importante para ela, máis aínda coa apresurada adaptación ao grupo que viviu, xa que foron apenas quince días os que tiñan para compenetrarse dende a súa chegada ata o primeiro concerto.





A súa parte creativa fai que non pare nunca o seu proxecto persoal, e que as súas metas sigan a medrar cada vez máis. Así llo contou ao noso Marco neste Grandes Voces do Noso Mundo.


21/05/2017

BARAHÚNDA

Programa 55



Jose Luís Lara Gruñeiro e Helena de Alfonso formaron Barahúnda en 1998 en Madrid. Música folk de raíz ibérica, cantigas galego-portuguesas, cantares mozárabes, cancións sefardís e outras composicións propias incluíronse no seu repertorio. Tres discos compoñen a súa traxectoria:"Al sol de la hierba" (2002), "Una hora en la ventana" (2006) e "Múdanse os ventos" (2015).

Agora, con máis música "feita por nós", recorren o país e moitos outros lugares, levando os ritmos atlánticos aló onde van. Rodeados de persoas como José Luís do Pico, Xurxo Varela, Raúl Lojo e outros, seguen a facer traxectoria. O camiño continuará agora polo Curral do Marqués (Rianxo), pola Pousada das Ánimas (en Boiro, na homenaxe a Narf), por Lugo, Vilar de Santos, Boiro, Lousame ou Asturias.

Para descubrir máis, deixámosvos a entrevista que o noso Marco e o noso Edilson lle fixeron a estes dous artistas!

13/05/2017

CARLOS GUERREIRO

Programa 54



"Ainda há gaiteiros em Lisboa?" a resposta de Carlos Guerreiro é directa: hai moitos. Falamos cun dos fundadores da asociación Gaiteiros de Lisboa na que conflúen estes artistas na cidade, e que creou xunto con Paulo Marinho ou José Manuel David (entre outros).

Vozes na Luta foi fundado por Mario Branco, e foi unha agrupación coa que iniciou a súa vida musical Carlos Guerreiro. Fixeron unha xira por España onde, tras contactar co disco Faíscas do Xiabre, o Carlos namorou da música galega e tomou con maior seriedade e peso a arte do gaiteiro.

Produtor da súa propia música e de artistas como Os Bandarra, fabricante de instrumentos (investigando nova sonoridades, di) e mesmo autor da Chula Gaiteira, canción dese Xabarín Club, que tanta pegada deixou na nosa xeración... Ten moito que contar!

Deixámosvos a entrevista que a equipa do Grandes Voces do Noso Mundo lle fixo nesta edición!


06/05/2017

O LEO

Programa 53

"Son un tipo bastante independente, ademais de independentista".


Profesor no Instituto Politécnico de Vigo e Filólogo. Poeta e Músico. Estética punky e canción reivindicativa galega. "Rural Love" e "Corina Porro". "Quero Aghobiarte" e "A neurona na patineta". "En lo más hondo" e "Materialismo dialéctico". Así é O Leo i Arremacághona!!! e así é o profesional que está tras este artista.

No ano 1998 publicou o seu primeiro disco, con 24 anos, e foi no 2006, logo de participar no concurso "A polo ghit", cando seguiu unha traxectoria que, fixándose na escola catalana, combina as súas cancións con personaxes que soben ao escenario... Mellor dito, cunha familia enteira de artistas que non deixan indiferente a ninguén!

Demostrando que a normalización se fai cada día, participa en diversas iniciativas, como é a de Contubernio Tabernario... De todo iso falou co noso Marco e con Bernardo Penabade, así que para coñecer todos os demais proxectos nos que cre, escoitade a entrevista deste Grandes Voces do Noso Mundo.