29/04/2017

ICO (O SONORO MAXÍN)

Programa 52

"A idea é facer, ademais de bailar os pés, remover as cabezas e as ideas".

O Sonoro Maxín naceu hai dez anos en Ourense, xuntando os músicos de Lamatumbá e Cinnamon Gun. Agora lanzan novo disco, pensando en todos os detalles: o sete e o dezasete son os días de feira na cidade das Burgas. Marabillosa coincidencia de números sete na súa traxectoria, que souberon aproveitar para titular o novo traballo: Se7edezase7te!

Abraham, Cristina Asenjo, Jaime Mateo, Xurxo Brea e Ico comezaron xa coa presentación destas novas cancións, ás que quixeron darlle unha volta nova. E irán agora a Bueu, Pontevedra, Vilar de Santos, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Melide, e unha longa lista de cidades para escoitar en directo a estes artistas.

Poderedes atopar o disco nas tendas ou nos concertos desta banda. Poderedes atopar moito sentimento neste Deixe Falar do Grandes Voces do Noso Mundo, que aquí vos deixamos!

23/04/2017

BARRO

Programa 51




De Pernambuco a Burela. Do norte do Brasil ao norte da Galiza. Así foi a conversa con este cantor e compositor musical a ritmo de pop. Non quedou aí a cousa, xa que aínda incluímos máis lugares: Italia, país onde realizará diversos concertos deste 26 de abril ao 2 de maio, por segunda vez na súa carreira profesional.

Iniciou o camiño en solitario no 2016, mais xa levaba máis de quince anos traballando con outros artistas. Comezou producindo outros compositores e cantantes, e aí naceu o sentimento de querer experimentar pola súa banda. E entón chegou Miocárdio, o seu disco, que é unha mestura de diversas culturas: Italia, Canadá, Estados Unidos, Colombia, Brasil... Unha pura conexión entre o noso mundo.

"Que a música leve á xente o máis lonxe posible", di. Agardámolo entón na nosa Galiza, cos brazos e o coração feliz. Convidado quedas, amigo Barro!

09/04/2017

LILÍ DOS TOXOS

Programa 50


Andrea Méndez Álvarez tomou no 2008 ese nome de Lilí dos Toxos. Unha orixinal idea na que probablemente tivo moita influencia ese tempo compartido con Xabier Cordal como mestre de aulas e de vida.

Criada entre Ribadeo e a Terra Chá, dedicou gran parte do seu tempo a reforzar a súa parte artística, coa música e o teatro, tamén en Compostela. Participou no Luar, marchou a Londres para loitar polo seu soño, participou tamén no Britain's got talent... E gañou o "Voces con talento", que colabora con La Voz. Así que proximamente volveremos a vela nas nosas pantallas, mais polo momento, aquí vai a entrevista feita a tres voces!



01/04/2017

GRACIELA PEREIRA

Programa 49

Música galega feita dende Bos Aires, é o que resume a conversa desta semana. Tangos en galego feitos por Graciela Pereira, que coa interculturalidade na pel, por ser neta de galegos, italianos e franceses, non fai senón que esta medre en cada novo proxecto.

Foi o seu avó lalinense quen lle transmitiu todos o sentimento da nosa cultura, así que naturalmente naceu nela un vínculo coa Galiza, que aumentou grazas ao Centro Galego. Despois da súa formación nos conservatorios, e a súa formación teatral e escenográfica, dedicou o seu tempo ao canto no coro do Centro Galego e do Centro Lucense, combinada coa profesión de mestra de educación especial.

Unha bonita historia dunha familia emigrada, que nunca quebrou os lazos coa nosa terriña... Convidada quedas a vir visitarnos, Graciela. E convidados vostedes a escoitar esta marabilla de entrevista!


25/03/2017

MARÍA DOLORES OTERO

Programa 48

Nesta edición do Grandes Voces do Noso Mundo tocou falar de didáctica e formación de música, coa profesora María Dolores Otero. Nada en Viveiro, estudou nos conservatorios de Viveiro e Santiago de Compostela, e compaxinou os estudos musicais coa licenciatura de Bioloxía, materia na que é Doutora.

Dende os oito anos, cando tivo o primeiro contacto co solfeo, comezou a súa relación inseparable coa música... Que tivo o seu grao máximo de dificultade na súa etapa universitaria, ao combinar ambos estudos.

Agora, no seu presente, sinte que hai que facer unha forte reforma pola música, e unha aposta por esta... Di que está desamparada na educación obrigatoria, xusto cando "temos os mellores músicos".

Todo isto e moito máis foi o que nos contou na entrevista desta semana!


20/03/2017

AIDA SACO BEIROA

Programa 47



Marco, Silvera e Edilson, un triángulo perfecto para a entrevista desta semana: unha artista nada no ano 1998 que xa percorreu lugares como Estambul, Brixtol, París, o Sahara...

Esta compositora e intérprete musical, vai presentar o seu disco. Un traballo que é o resultado de moitos anos de esforzo, que tivo como berce Rianxo, o seu lugar de nacemento. Coas primeiras clases de piano do Liceo do pobo colleu a experiencia precisa para saltar ao Centro de Estudos Musicais con catorce anos. Nese mesmo intre decidiu que ía loitar por ter un futuro dedicado ao piano.

É exemplo de traballo e constancia, cambiando incluso de concello cada día para poder compaxinar instituto e conservatorio. Participante en diversas master class de Alexander Gold ou Abe Rábade, ve como privilexio o poder acceder a tal formación.

Co mellor desexo para que poidades acudir aos seus concertos, deixámosvos todo o que lles contou aos nosos locutores!

11/03/2017

SOFÍA ESPIÑEIRA

Programa 46




Sofía Espiñeira leva un ano dando concertos logo de gravar o seu primeiro disco. "Alá onde agroman as herbas", froito de gañar o segundo concurso de canción de autor en Teo... A partires dese momento, decidiu que dedicarse á música era tamén unha boa opción.

E así o fixo: deu o salto de tocar e cantar na intimidade a facelo para un grande público. As súas letras, que falan de sentimentos e temáticas sociais, do seu día a día, son moi ben acollidas aló onde vai.

Precisamente é neses lugares onde se pode mercar o disco. Tamén na libraría Paz de Pontevedra, na fundación Artabria en Ferrol ou no Espazo Lector Nobel de Boiro. Está con novos proxectos en mente, entre os que se atopa un ben prometedor con Marta Ortiz, da Tropa de Trapo.

Disto e de moito máis falaron o Marco e Edilson nesta edición do Grandes Voces do Noso Mundo.