19/07/2017

SELMA UAMUSSE

Programa 62



Dende Lisboa a Burela, Selma Uamusse falounos xusto antes de viaxar ata Galiza. O festival Terra da Fraternidade en Compostela foi o lugar escollido para a primeira actuación desta artista na nosa terra, na súa andaina en solitario.

A súa música, con moita influenza dos instrumentos tradicionais de Mozambique e África, así como cunha fusión de múltiples ritmos e acentos, son unha "fundición" das diversas culturas que ela mesmo viviu na súa formación e nas súas orixes.

Moito ritmo e moita danza, son o resumo dos seus concertos. Así que, á espera do lanzamento do seu primeiro disco e de volver tela na Galiza, deixámosvos a entrevista que o noso Marco e o noso Edilson lle fixeron a esta grande artista e muller africana.
 

11/07/2017

LULA'S (Cachupa Psicadélica)

Programa 61



A banda da Cachupa Psicadélica está liderada por Lula's na guitarra e na voz, Bilan no baixo e Jorge Machado na percusión. Lula's e Bilan son orixinarios da illa de São Vicente (Cabo Verde) e Jorge Machado procede do Portugal.

Esta "música para fazer fotossíntese" é o resumo da alma desta agrupación, que se complementa coa afirmación do propio convidado de "música das entranhas do meu Cabo-Verde nação cultural", e é que como el mesmo afirma, hai moito máis que unha nación ou que un territorio. É unha lingua e toda unha identidade.

Despois de dous albums, "Augas Mornas" e "O último caboverdiano triste", esta banda consolídase como unha das máis importantes no panorama lusófono. Cunha xira que percorrerá os países de fala galega, agora só queda abrir os brazos para que veñan á Galiza.

02/07/2017

JOÃO CAETANO

Programa 60


Chegou a Londres con 18 anos para perseguir o seu soño musical, logo de pasar a súa infancia en Macao. Xa dende ben pequeno asistiu ao conservatorio, e foi ao chegar a Europa cando ingresou na banda musical Incognito para así pasar a dedicarse profesionalmente á música.

"Partir sempre p'ra voltar. Voltar sempre p'ra partir", di. Así é como resume a súa vida entre os tres países que leva no corazón: a China, Inglaterra e Portugal. Terras que desprenderon todo o cariño coa acollida do seu primeiro EP en solitario, lanzado no 2016.

O seu son, segundo el mesmo o sente, é a unión da raíz do fado e dos cantares lusos coa modernidade. "Unha música do mundo", define João. E unindo estes elementos, coa nosa propia aportación multicultural, naceu esta nova edición do Grandes Voces do Noso Mundo, que hoxe vos deixamos.