21/02/2017

NANCY VIEIRA

Programa 43



Guinea veuna nacer, Cabo Verde medrar, e Portugal viviu con ela a maior parte dos seus anos. Da súa voz sae que a pesares de toda a mestura, séntese caboverdiana, coma toda a súa familia.

O primeiro disco foi unha grande sorpresa para ela. Chegou aos seus 20 anos, logo de gañar un concurso de novos artistas en Portugal. Gaby do grupo Irmãos Verdades acompañouna ao violín. E que había nel? Música tradicional de Cabo Verde, con sons e ritmos do país, música mestiza con moitas influenzas doutras culturas.

Nancy Vieira é unha artista que sempre se rodeu dos grandes músicos e das grandes voces do panorama lusófono... Ao seu carón estivo Uxía, estivo Carlos Blanco, estivo Narf... E ela regalou a súa presenza ao Cantos na Maré.

A delicia da entrevista que lle fixeron Marco e Edilson, a continuación...


11/02/2017

SÉS

Programa 42




María Xosé Silvar, coñecida como Sés, converteuse en profesional da música por casualidade. Que bonita casualidade!

Declárase fan de Batuko Tabanka e di que quere visitar África. Nós poderemos visitala a ela e á súa música este 18 de febreiro en Burela... Presentaranos Opoñerse á extinción, un disco con doce temas nos que puxo a súa alma. Gústalle ese número, porque nin son moitos nin son poucos. A nós gústanos o que nos conta. Porque non somos fadas nin princesas, porque a palabra é o misil pertinente e porque tentamos deixar semente de vencer.

"É un concerto longo", di do que nos espera en Burela. Que ganas temos de escoitar as artistadas que crea con ese bonito equipo detrás. A súa man indispensable, Xabier Ferreiro, é unha parte fundamental. Porque para ela todas as persoas que van con ela son un máis.

Del, dos músicos que a acompañan, das coristas, dos seus concertos, de onde toca... De todo iso se falou nesta entrevista de Marco e Silvera a unha das grandes artistas da nosa cultura. Aí vos vai!

04/02/2017

ÁLEX LANDIM, COMPAÑEIRO EXEMPLAR



O pasado día 24 de xaneiro celebrouse no IES Perdouro un acto dedicado ao exalumno Álex Landim. Grazas ao seu esforzo e dedicación, a Xunta de Galicia outorgoulle un premio en forma de compensación económica.

Álex chegou a Burela no ano 2014. Pouco a pouco, foi conseguindo os obxectivos marcados e hoxe por hoxe está loitando por consolidarse no bacharelato de Artes.

No acto falaron, entre outras persoas: María Xosé Andión, a xefa de estudos do centro; Silvera Vicente de Oliveira, amiga e compañeira de promoción de Álex; e Antonina Semedo, unha das primeiras caboverdianas en chegar á nosa terra.

Eu tamén participei. Para min Álex foi un piar importante cando cheguei ao centro. El encargouse de que non estivese só; acompañoume nos recreos foime presentando moitos compañeiros e compañeiras para que me fose relacionando con máis xente. Desde que o coñecín, nunca máis pasei un recreo só ao lado dunha columna.

O Goberno Galego fíxolle a Álex o recoñecemento de alumno exemplar e estas miñas palabras queren ser tamén outro recoñecemento, neste caso ao de compañeiro exemplar. Creo que Álex debería ser un referente para todos e todas, non só para aqueles caboverdianos que chegaron hai pouco tempo á Mariña.



FRAN GARCÍA

Programa 41



Tivemos a sorte de celebrar o primeiro aniversario do Grandes Voces do Noso Mundo cunha entrevista en plató.

Fran García acompañounos para contarnos que anecdoticamente comezou coa música cando aínda estaba no colexio de Cervo... Foi no momento no que ía marchar un profesor moi querido por el cando se dicidiu a cantarlle unha canción como mostra de aprecio e agradecemento. Anos despois ese mesmo mestre envioulle as bases dun concurso musical en Ponteareas, do cal o noso Fran resultou gañador. Dende aí chegaron os concertos, as entrevistas na radio, na televisión, e unha longa lista de éxitos.

Agora, anos despois, vese animado a retomar a actividade que pausou durante un par de anos. Pola nosa banda será moi benvenvido... Aquí queda a marabillosa entrevista da nosa Karina e o noso Marco!