26/12/2016

VÍTOR BELHO

Programa 37


Pontevedra acolle o sábado 14 de xaneiro, no Pazo da Cultura, unha nova edición do festival Cantos na Maré. Tres días antes comezarán as actividades paralelas na mesma cidade e en Compostela. Grandes Voces do Noso Mundo tivo a sorte de ter en primicia a voz de Vítor Belho para adiantar o que será unha nova xuntanza de música da Galiza e dos irmáns de Portugal, de Brasil, de Mozambique, de Cabo Verde, etc.

Vítor Belho é o responsable tamén de que en Compostela haxa un lugar como a Casa das Crechas, no que soara a música de Berrogüeto, de António Zambujo, de Kepa Junkera, de Uxía e de moitos outros ao longo dos trinta anos nos que tivo as portas abertas.

Non só falamos diso con el, senón que entre moitos outros aspectos da súa contribución á cultura galega, achegámonos tamén a Nordesía, a produtora que achega e leva a música ao noso (e do noso) país.

Deixámosvos co trixésimo sétimo programa do Grandes Voces!


17/12/2016

ANDRÉS FERNÁNDEZ

Programa 36



"En tempos de dificultade xorde a imaxinación, e a música é un vehículo tremendo para transmitir", di Andrés Fernández cara o peche desta edición de Grandes Voces do Noso Mundo, este noso programa que tenta transmitir cada semana a boa saúde da que goza a música galega.

Andrés do Carballiño medrou escoitando os vinilos e cintas de cassette daquel movemento Voces Ceibes, e agora súmase a esas vellas reivindicacións ás que hai que sacar po, para mesturar temas seus, con cancións de Fuxan os Ventos, Suso Baamonde, poemas musicados por el como os de Victor Campio... 

Houbo tempo tamén para recordar neste programa o ano Manuel María, porque hoxe no Carballiño celébrase o festival organizado pola asociación cultural Avantar, no que poñerán o peche a este ano dedicado ao poeta e no que se atoparán artistas como Xosé Constenla, Anxo Blas, o Leo Arremacághona, e entre outros máis, o noso Andrés Fernández...

Falamos de moito máis, pero tedes que descubrilo vós! Deixámosvos con gusto esta nova edición do Grandes Voces:



11/12/2016

MAGÍN BLANCO

Programa 35

 


"Que é o Canta o cuco?" Pois Canta o cuco é un libro-cd que editou Galaxia a finais de 2015... E claro, este 2016 foi o ano no que as Letras Galegas se lle adicaron a Manuel María. E este libro recolle os seus poemas con música preparada por Magín Blanco e Uxía Senlle en terras.

Neste trixésimo quinto programa escoitamos a Magín Blanco falar do espectáculo que prepararon arredor desta obra, do público (cada vez máis pequeno) que se achega ás presentacións de libros para os meniños, da súa obra Gatuxo...

Uns minutos cheos de dozura e de alma burelá, porque Magín ten tamén unha boa relación co noso pobo e con Batuko Tabanka, agrupación ben, ben vinculada á nosa Silvera...

03/12/2016

SESO DURÁN

Programa 34


"Pedagoxía musical", dixo Silvera, ao comezar o Deixe Falar desta semana no Grandes Voces do Noso Mundo. Xosé Manuel Durán, Seso Durán, foi o protagonista da entrevista realizada por Marco. Mestre de música dende hai 15 anos, chegou á docencia sen saber que pouco despois "namoraría" do trato cos rapaces. Agora desenvolve a súa vida profesional no IES As Barxas de Moaña.

Conversamos con el da convivencia profesor-adolescentes, da súa dedicación á música, da formación académica que tivo, das vantaxes da tecnoloxía, do "aprender facendo"... En definitiva, de vida, música e aprendizaxe.

E para apoiar o seu obxectivo, que "o ambiente da clase e as actividades faciliten a aparición de emocións positivas", levan adiante o blogue Música en secundaria, unha web perfecta para completar o que aprendemos no Grandes Voces!