31/10/2016

SARA GIL

Imaxe da entrevista a Sara Gil no programa de Marco Pereira

Bernardo Penabade

"O programa nº 29 coincide no día 28 de outubro, o do meu aniversario. A ver que sorpresa me preparades". Así nos dixo Marco e nós pensamos en falar con Sara Gil, que nos deu todas as facilidades.

Chegado o día e feitas as presentacións, Marco e Karina puxeron a andar o programa dos afectos: primeiro en contacto con Conceição Oliveira, despois co "Deixe Falar"; e, máis tarde, na conversa con Cristina Ramudo, a pedagoga terapeuta que lle abriu a Marco as portas do mundo e que aínda se ocupa de llas axudar a franquear día a día.
A través do voluntariado universitario, Sara Gil traballou -como colaboradora- no Womex, a feira das músicas do mundo celebrada en Santiago de Compostela durante a segunda semana de outubro de 2016. Apoiándose no testemuño da convidada, o director do programa quixo facer crónica  do evento e conseguiuno. En pouco máis de dez minutos, coñecemos o elenco de artistas que pasaron por esta edición celebrada na capital galega; e recollemos as impresións da colaboradora tanto no referido ao  ambiente das exposicións como con respecto á calidade dos concertos.
Como é habitual, a entrevistada fixo media ducia de recomendacións de grandes voces do noso mundo. Foi o momento de falar, entre outros solistas e grupos, da fadista Gisela João e da brasileira Anelis Assumpção.


23/10/2016

SOCORRO LIRA

Programa 28

A cantora brasileira Socorro Lira está de xira por Europa. Estivo en Bélxica e en Francia. Mañá estará tamén en Compostela, antes de pasar para Lisboa e Évora.

Socorro é unha das grandes voces da música brasileira e chega a Galiza para compartir co público galego o seu traballo musical.

Os seus compromisos político e social fixérona merecedora do "Prêmio Europa 98", e a súa humanidade mostrouse ben patente na conversa con Marco e Karina, onde falaron desta actuación, na que presenta "Amazônia", e tamén da especial compañía que terá sobre o escenario.
Carlos Blanco, Uxía Senlle, Socorro Lira e Sérgio Tannus


15/10/2016

KÁTYA TEIXEIRA

Programa 27

A cantora brasileira Kátya Teixeira estivo de xira pola nosa terra. Ademais de actuar en Compostela, estivo tamén na Illa de Arousa e na Arca de Noa en Vilar de Santos.

Kátya Teixiera, cantora, instrumentista e compositora, é unha das grandes voces femininas da música brasileira, e chegou a Galiza despois de pasar por Portugal, para compartir co público galego o seu traballo musical.

Alén de comentar con Marco e Karina a súa traxectoria musical, a artista brasileira mostrouse feliz por chegar por vez primeira á nosa terra, onde estivo acompañada por Uxía Senlle.


ELENA TARRATS

Programa 26