28/01/2017

MARÍA MANUELA

Programa 40

A María Manuela gústalle escoitar a Cesária Évora mentres pinta. Ela tamén canta, e diso xa vai algún que outro ano... Aos 17 comezou a facelo nos concursos de Ferrol, e logo seguiu medrando artisticamente cando coñeceu ao seu marido Miguel.

Aló polos anos da ditadura reivindicaron a nosa lingua, cantando en galego nos locais. Eran ben acollidos polo público, di, aínda que ao saír puideran ter represarias por esa decisión tan valente naqueles tempos.

Puxeron ritmo aos poemas de Celso Emilio, de Manuel María, de Ana Caxiao, de Rosalía... Porque, afirma, poderían crear novas letras, mais temos unha poesía marabillosa.

Agora está a crear un novo disco con outros catro músicos e a axuda do seu fillo Xurxo. "Vai amodiño, que tampouco tempos présa"... Así que, mentres, quedamos coa entrevista na que desta volta estivo ao mando Silvera, man a man co noso Marco!

24/01/2017

BRAIS MORÁN

Programa 39



"A cultura galego-portuguêsa bate de pertinho no coração", di Brais Morán. É da Coruña e hai cousa de dous anos lanzou ao mercado Cruzando o Eclipse, un disco persoal co que iniciou a súa carreira en solitario, logo de ser cantante e guitarrista na banda funk Loretta Martín.

Toca algunha que outra vez co seu pai, e di que se cadra foi o medrar velo tocando o que o levou a encamiñarse por este mundo... Mais non só a el, a súa familia é unha familia-música. A súa avoa ensináballes sempre a cantar as cancións tradicionais. E como non ía ser así? Os Morán Fraga descenden de Pascual Veiga!

Os días tres e dezaoito de febreiro estará en Arteixo e na Coruña, cos acústicos dos seus temas. O próximo tres de marzo xa tocará coa banda, na Coruña tamén, onde rememorará temas de Narf, e moitos temas propios...

El é tamén... Ben, mellor escoitade a entrevista, e así coñecedes moito máis!

14/01/2017

SABELA MANEIRO

Programa 38





Feliz ano a todas e a todos!

O Grandes Voces do Noso Mundo presentou o seu primeiro programa deste ano 2017. A entrevista, desta volta, veu da man do noso Marco e a nosa Silvera, que tiveron a sorte de contar coa voz de Sabela Maneiro.


Tanxungueiras é un grupo musical formado por Aida, Olaia e Sabela. Tres pandereiteiras que renovaron a base tradicional da nosa música, e que para enriquecer aínda máis o seu son, xuntáronse con Cibrán (ao violín) e Rubén (ao acordeón). Tres mulleres que levan algo máis dun ano achegando máis vida ao mundo artístico da nosa Galiza. As palabras de Sabela deixáronnos con moitas ganas de coñecer máis, e é que este grupo, que naceu casualmente para un evento familiar, dará agora o salto e irá a Glasgow coa Banda das Crechas!

Escoitade, escoitade, que non ten perda... Só vos dicimos que o seu obxectivo primordial para este ano que entra (e para os que veñan) é pasalo ben sobre o escenario...

26/12/2016

VÍTOR BELHO

Programa 37


Pontevedra acolle o sábado 14 de xaneiro, no Pazo da Cultura, unha nova edición do festival Cantos na Maré. Tres días antes comezarán as actividades paralelas na mesma cidade e en Compostela. Grandes Voces do Noso Mundo tivo a sorte de ter en primicia a voz de Vítor Belho para adiantar o que será unha nova xuntanza de música da Galiza e dos irmáns de Portugal, de Brasil, de Mozambique, de Cabo Verde, etc.

Vítor Belho é o responsable tamén de que en Compostela haxa un lugar como a Casa das Crechas, no que soara a música de Berrogüeto, de António Zambujo, de Kepa Junkera, de Uxía e de moitos outros ao longo dos trinta anos nos que tivo as portas abertas.

Non só falamos diso con el, senón que entre moitos outros aspectos da súa contribución á cultura galega, achegámonos tamén a Nordesía, a produtora que achega e leva a música ao noso (e do noso) país.

Deixámosvos co trixésimo sétimo programa do Grandes Voces!


17/12/2016

ANDRÉS FERNÁNDEZ

Programa 36



"En tempos de dificultade xorde a imaxinación, e a música é un vehículo tremendo para transmitir", di Andrés Fernández cara o peche desta edición de Grandes Voces do Noso Mundo, este noso programa que tenta transmitir cada semana a boa saúde da que goza a música galega.

Andrés do Carballiño medrou escoitando os vinilos e cintas de cassette daquel movemento Voces Ceibes, e agora súmase a esas vellas reivindicacións ás que hai que sacar po, para mesturar temas seus, con cancións de Fuxan os Ventos, Suso Baamonde, poemas musicados por el como os de Victor Campio... 

Houbo tempo tamén para recordar neste programa o ano Manuel María, porque hoxe no Carballiño celébrase o festival organizado pola asociación cultural Avantar, no que poñerán o peche a este ano dedicado ao poeta e no que se atoparán artistas como Xosé Constenla, Anxo Blas, o Leo Arremacághona, e entre outros máis, o noso Andrés Fernández...

Falamos de moito máis, pero tedes que descubrilo vós! Deixámosvos con gusto esta nova edición do Grandes Voces:



11/12/2016

MAGÍN BLANCO

Programa 35

 


"Que é o Canta o cuco?" Pois Canta o cuco é un libro-cd que editou Galaxia a finais de 2015... E claro, este 2016 foi o ano no que as Letras Galegas se lle adicaron a Manuel María. E este libro recolle os seus poemas con música preparada por Magín Blanco e Uxía Senlle en terras.

Neste trixésimo quinto programa escoitamos a Magín Blanco falar do espectáculo que prepararon arredor desta obra, do público (cada vez máis pequeno) que se achega ás presentacións de libros para os meniños, da súa obra Gatuxo...

Uns minutos cheos de dozura e de alma burelá, porque Magín ten tamén unha boa relación co noso pobo e con Batuko Tabanka, agrupación ben, ben vinculada á nosa Silvera...

03/12/2016

SESO DURÁN

Programa 34


"Pedagoxía musical", dixo Silvera, ao comezar o Deixe Falar desta semana no Grandes Voces do Noso Mundo. Xosé Manuel Durán, Seso Durán, foi o protagonista da entrevista realizada por Marco. Mestre de música dende hai 15 anos, chegou á docencia sen saber que pouco despois "namoraría" do trato cos rapaces. Agora desenvolve a súa vida profesional no IES As Barxas de Moaña.

Conversamos con el da convivencia profesor-adolescentes, da súa dedicación á música, da formación académica que tivo, das vantaxes da tecnoloxía, do "aprender facendo"... En definitiva, de vida, música e aprendizaxe.

E para apoiar o seu obxectivo, que "o ambiente da clase e as actividades faciliten a aparición de emocións positivas", levan adiante o blogue Música en secundaria, unha web perfecta para completar o que aprendemos no Grandes Voces!